Novo chamamento á mobilización por parte da plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo. Nesta ocasión cita á cidadanía para que se concentre este mércores 26 de abril, a partir das 19.30 horas, diante dos centros de saúde de Vilalonga e de Baltar en defensa da sanidade pública e en apoio da iniciativa lexislativa popular para salvar e fortalecer a Atención Primaria.
Este colectivo considera que a manifestación do 12 de marzo, organizada pola plataforma SOS Sanidade Pública, só obtivo "desdén, desprezo e prepotencia" como resposta por parte dos responsables da Xunta de Galicia.
Lembran que continúa faltando persoal sanitario, con consultas e PAC pechados mentres as listas de espera crecen e a xente enferma é atendida maioritariamente a través de consulta telefónica. Por este motivo, convocan este acto.
Denuncian que no centro de saúde de Baltar as citas para consultas e receitas se manteñen a quince días vista; as campañas de cribado para o cancro de cérvix suman meses de atraso e é imposible coller cita para unha consulta coa matrona, mentres que a primeira consulta por embarazo tarda máis de dez días en ser concertada.
A esta situación engaden que seguen sen cubrirse as prazas en Pediatría. Tanto neste centro como no de Vilalonga sinalan que seguen sen cubrirse as ausencias laborais, chegando a quedar sen persoal facultativo por esta causa.
A estas denuncias tamén incorporan os atrasos en citas con especialistas e probas médicas, indicando que os pacientes son derivados a centros de saúde privados.