A publicación ten lugar despois de que este mércores se celebrase nas dependencias do Pazo provincial o sorteo das prazas entre os 3.966 menores que foron finalmente admitidos, cun incremento dun 7% respecto aos admitidos para o sorteo na edición anterior deste programa.
Ademais da lista de menores participantes, tamén está dispoñible no portal institucional a lista de agarda de cada unha das 11 quendas nas que están distribuídos os "Campamentos A Lanzada", cada unha formada por 100 nenos.
Os pais ou titores legais dos menores con praza recibirán un SMS coas claves para acceder e descargar os documentos de pago, e no caso de non efectualos perderán o dereito á praza obtida, que pasará a ser ocupada por un neno da lista de agarda seguindo a súa orde pero respectando a paridade (se quen perde a praza é unha nena chamarase á primeira nena da lista, e viceversa).
Os campamentos celebraranse entre o 23 de xuño e o 7 de setembro e distribuiranse en once quendas, de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado). Participarán mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia e nados entre os anos 2011 e 2016 (incluídos). Cada quenda estará composta por 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 quedan reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social.
No Centro de Vacacións da Lanzada a rapazada poderá desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén asistirán a actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios), de coñecemento do medio, excursións a lugares como o Monte da Siradella ou a Illa de Ons, obradoiros, xogos ou veladas.