Un veciño da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio está a ser investigado pola súa relación co furtivismo tras sorprendelo a Garda Civil con dez quilos de anguías en época de veda.
O home, de 41 anos, foi denunciado no marco dun dispositivo de vixilancia para o control do furtivismo e a pesca ilegal posto en marcha o pasado mércores, 20 de marzo, por patrullas do Seprona da Garda Civil de Vigo no porto de Arcade, en Soutomaior.
Preto das 07:00 horas da mañá, os axentes observaron como unha embarcación de pesca atracaba no porto sen ter acendidas as luces obrigatorias. Posteriormente o único ocupante desembarcou varios capachos con pesca no seu vehículo.
Os gardas civís dirixíronse ao sospeitoso e localizaron no maleteiro do coche un capacho con 10 quilos de anguía.
O pescador esta sendo investigado por un presunto delito contra a flora e fauna, por pesca de especie para a que non posúe licenza e que ademais se atopaba en veda.
O caso está agora en mans do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 1 de Redondela, e o investigado pode enfrontarse a unha pena de multa de entre oito e doce meses e inhabilitación especial para pescar de entre dous e cinco anos.
A Garda Civil comisou a anguía e entregouna nun comedor social de Vigo.