A Policía Local de Poio interveu este xoves, 17 de agosto, un total de 135 quilos de ameixa capturados de maneira ilegal por furtivos.
Segundo informaron desde a Xefatura da Policía Local, os axentes tiñan constancia da existencia dun grupo organizado dedicado a esquilmar o mar de forma ilegal e de maneira continua. "Esta é unha ínfima parte do que extraen semanalmente", aseguran.
Este caso está relacionado cunha lancha intervida sen ocupantes en Poio hai escasos meses.
Estas fontes oficiais relataron que a intervención policial foi levada a cabo diante do domicilio dos denunciados, onde estaban a repartir o bivalvo entre os familiares, introducíndoo dun piso a outro e a unha furgoneta alugada que se atopaba na mesma porta.
Este operativo policial foi complexo. Cando os policías quixeron proceder á intervención da mercadoría aos cinco membros dunha mesma familia estas persoas atentaron contra os municipais tentando intimidarlles, "chegando un deles a alzar un pau de grandes dimensións contra os axentes e ameazalos de morte", polo que solicitaron apoio a unha patrulla de Garda Civil.
Finalmente confiscaron o marisco en sete sacos e procedeuse á identificación os cinco homes que xa contaban con antecedentes por feitos similares.
Impútaselles un delito contra a flora e a fauna, outro de atentado a axentes da autoridade e outro máis de ameazas graves, dando conta dos feitos ao xulgado de garda.
O marisco foi pesado e devolto ao mar coa colaboración dos gardapescas de Poio.
Desde a Policía sospéitase que as ameixas non foron extraídas na zona de Poio, podendo proceder da zona do Morrazo, de Praceres en Pontevedra ou na zona de Ribeira na Coruña.