Un mozo de 23 anos, veciño de Moaña, deberá responder ante a xustiza por senllos delitos contra a seguridade viaria despois de ser sorprendido pola Garda Civil en dúas ocasións e na escasa marxe de dúas horas cando conducía con evidentes signos externos de embriaguez.
Segundo informou o instituto armado, o mozo foi interceptado por primeira vez ás seis da madrugada do pasado luns á altura do quilómetro 1 da PO-531, nas inmediacións do Vao.
Os axentes deron o alto ao vehículo, un Renault Megane, e comprobaron que o seu condutor arroxaba unha taxa de alcoholemia de 0.89 mg/l, case catro veces máis do permitido.
Ao negarse a realizar a segunda proba, notificóuselle a súa condición de investigado como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria e procedeuse á inmobilización do vehículo no mesmo lugar ante o seu estado de embriaguez.
Dúas horas despois, preto das oito e media da mañá, outra patrulla de Tráfico comprobou que quebrantara a inmobilización do seu coche e foi interceptado na autoestrada AP-9, á altura da peaxe de Vilaboa.
O mozo negouse de novo a efectuar a proba da alcoholemia e por segunda vez consecutiva notificóuselle a comisión doutro delito contra a seguridade viaria.
Nesta ocasión viaxaba acompañado de dous homes, un deles de 23 anos, veciño de Vegadeo (Asturias), que foi detido porque sobre el recaía unha orde de detención ditada polo xulgado de instrución número 1 de Málaga.
As dilixencias instruídas contra o condutor foron entregadas nos xulgados de instrución de garda de Pontevedra e Cangas respectivamente.