Sorprenden o chofer dun autobús facendo trampas co tacógrafo cando se dirixía á Festa do Marisco

O Salnés
15 de outubro 2024

A Garda Civil investiga este condutor que utilizaba un interruptor que modifica os rexistros que controlan o tempo de condución. Trataríase dun delito de falsidade documental

Carpas da Festa do Marisco
Carpas da Festa do Marisco / Concello do Grove

O condutor dun autobús dunha empresa de Cáceres está a ser investigado pola Garda Civil, como presunto autor dun delito de falsidade documental.

Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, este chofer utilizaba un interruptor que influía nos parámetros do tacógrafo que controla o tempo de condución e descanso do traballador.

A Garda Civil subliña a importancia de respectar os tempos de condución e descanso establecidos para os condutores profesionais, para garantir a seguridade de todos os usuarios da vía e protexer as condicións laborais dos condutores.

Estas mesmas fontes detallan que os feitos que se investigan tiveron lugar o pasado sábado 5 de outubro, cando unha patrulla do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra realizaba un control de transportes de viaxeiros na PO-316, á altura do Grove.

O condutor, de 33 anos, veciño Cáceres, circulaba transportando 56 persoas que se dirixían á Festa do Marisco, desde diferentes localidades extremeñas.

Durante ese control ordinario, os axentes descubriron que o condutor estaba a utilizar un tacógrafo dixital manipulado. Esta trampa permitía rexistrar períodos de descanso mentres o vehículo estaba en movemento, o que eludía a detección de infraccións.

O dispositivo estaba instalado na cabina do autocar e derivaba cun cable guiado até a caixa de cambios do vehículo onde se producía a alteración dos parámetros dando lugar á manipulación deste.

O vehículo foi trasladado a un Centro Técnico Autorizado de Tacógrafos, onde se confirmou a manipulación que anulaba os rexistros de condución e velocidade.

Esta técnica é especialmente preocupante porque permite os condutores alargar ilegalmente as súas xornadas laborais e reducir os seus tempos de descanso, o que pon en risco a seguridade viaria e afecta negativamente ao sector do transporte.

A investigación deste condutor, ao cal se lle atribúe a comisión dun suposto delito de falsidade documental, forma parte das dilixencias instruídas polo Grupo de Investigación e Análise do Tráfico (GIAT) do Subsector de Pontevedra, as cales poderían levar penas de prisión de até tres anos e multas de até doce meses.