Os Gardapescas da Confraría de Pescadores de Vilaboa e unha patrulla da Garda Civil de Pontevedra detiveron catro furtivos de Poio que xa foron denunciados por furtivismo no pasado tras sorprendelos mentres extraían ameixa nunha praia de Vilaboa.
Segundo a información facilitada polos Gardas Rurais da provincia de Pontevedra, trátase dun grupo organizado que adoita actuar en praias nas que realizan actividades de marisqueo as confrarías de Vilaboa, Moaña, Lourizan e San Telmo de Pontevedra. Algúns deles estiveron inmersos na operación Tivo, realizada polo Seprona da Garda Civil en decembro do ano pasado por presuntos delitos relativos á protección da flora e a fauna.
Nesta ocasión, os furtivos estaban a extraer ameixa xapónica na praia de Forno de Cal, en Santa Cristina de Cobres.
Os furtivos tentaron fuxir correndo polo areal en dirección ao seu vehículo, pero foron interceptados xusto cando chegaron ao coche e pretendían arrincalo.
Os gardapescas bloquearon co seu vehículo o dos furtivos para evitar que escapasen e retivéronos ata a chegada da patrulla da Garda Civil.
En total, interviñéronlles 20 quilos de ameixa xapónica.