Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha receita para toda a familia: a sopa de mar. Nesta ocasión, Conservas Pescamar proponnos unha elaboración con berberechos e mexillóns, dúas especialidades moi prezadas na cociña atlántica.
Ademais do seu sabor e textura, tanto os berberechos como os mexillóns posúen un alto contido en ferro, gran aliado fronte á anemia. Ademais, achegan proteínas de alto valor biolóxico que, unidas ao seu baixo contido calórico e graxo, fanos un alimento ideal nas dietas de adelgazamento.
Esta receita ofrécenola o FROM, o organismo do Ministerio de Agricultura e Pesca encargado de regular o mercado dos produtos do mar. A través da súa páxina web, tamén nos lembra que "todas as elaboracións de peixe enlatado son moi aconsellables desde o punto de vista nutritivo".
Para preparar unha deliciosa Sopa de mar ao estilo Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas de berberechos ao natural Pescamar
- 1 lata de mexillóns en escabeche Pescamar
- 1 chorriño de Martini
- 1 chalota picada
- 100 ml. de nata líquida
- Caldo de peixe
- Un anaco de pan escuro
- Azafrán
- Sal
Preparación:
Poñemos a reducir o Martini coa chalota picada. Cando reduza, engadimos o caldo de peixe, a nata líquida e o pan, e deixamos cocer ata conseguir unha crema espesa.
Ao final, incorporamos á crema as dúas latas de berberechos ao natural Pescamar e a lata de mexillóns en escabeche Pescamar, previamente escorridas.
Rectificamos de sal se fose necesario e esparrexemos as febras de azafrán por riba.
Para a presentación, servimos moi quente nun prato fondo ou ben en cuncos individuais adornados cunhas colas de lagostino ou cunhas follas de pirixel.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.