Sonia Iglesias acudiu a un centro de atención a mulleres maltratadas meses antes da súa desaparición

Pontevedra
23 de outubro 2013
Actualizado: 19:51

A familia coñeceu a información ao levantarse o segredo de sumario e veo "significativo" porque"nos reafirma en lo que ya pensábamos desde el principio, que su desaparición fue forzosa". A defensa de Julio Araújo resta importancia a esta información. A presidenta dunha asociación de mulleres maltratadas contou a Policía que se reunira con Sonia Iglesias, pero non consta no sumario que os investigadores realizasen máis indagacións ao respecto

O levantamento do segredo de sumario da investigación sobre a desaparición de Sonia Iglesias deixou moi poucos datos que as partes consideren relevantes a maiores das informacións xa coñecidas sobre a investigación, pero hai un dato que si é "significativo" para a familia da muller. A súa irmá, Maricarmen Iglesias, desvelou este mércores que uns meses antes da súa desaparición acudira a un centro de información a mulleres vítimas de maltrato.

Unha declaración recollida no sumario revela que Sonia Iglesias tería pedido información neste centro entre oito meses e un ano antes da súa desaparición o 18 de agosto de 2010. Maricarmen Iglesias asegura que a familia non tiña constancia desa visita a un centro de mulleres maltratadas, que se decataron a través do sumario.

O sumario non inclúe datos concretos sobre a visita de Sonia Iglesias, pero o feito de que se producise xa é suficiente para que a familia, pois "nos reafirma en lo que ya pensábamos desde el principio, que su desaparición fue forzosa".

Ademais, en opinión de Maricamen Iglesias, dálle máis forza a unha petición que a familia ten en mente dende hai tempo: pedir a custodia do fillo menor de idade da desaparecida e Julio Araújo.

A defensa de Julio Araújo resta importancia a esta consulta, que se produciu nunha cafetería

Pola súa banda, a defensa de Julio Araújo resta importancia a esta información. No sumario consta que o 10 de setembro de 2010, tres semanas despois da desaparición da moza, unha representante da Asociación de Mulleres Maltratadas Luz acudiu á Policía para contar que Sonia Iglesias a chamara uns meses antes e se reuniran nunha cafetaría para facer unha consulta.

Esta declaración incluíuse no informe policial, pero non consta no sumario "que os investigadores fixesen máis xestións ao respecto, "de modo que, a xuízo do avogado de Julio Araújo, "no tiene mayor valor ni importancia en la investigación".

En relación coa custodia do fillo da parella, asegura que xa se produciu algunha denuncia nos Servizos Sociais e que, logo dalgún seguemento e análise, a conclusión foi que o menor está correctamente atendido co seu pai e escolarizado.

"Nuestra intención es solucionar su custodia porque no pensamos que él sea la mejor persona con la que estar", sinala Maricarmen Iglesias en relación con Julio Araújo, único imputado pola desaparición desta pontevedresa hai máis de tres anos.

O resto do sumario revela datos dos que a familia asegura que "ya nos suponíamos" como o feito de que "el único imputado hizo distintas declaraciones sobre el día de la desaparición", pero, en todo caso, Maricarmen Iglesias recoñece que "lo que hay no es lo suficientemente importante como para poder llevar a juicio al imputado".

Tras coñecer o contido do sumario, a familia de Sonia Iglesias decidiu pedir novas dilixencias ao Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra. Non desvelou cales son, pero si que implicarán novas probas policiais e que nalgunhas delas pedirán estar presentes.

O avogado de Julio Araújo revelou este martes, tras manter unha reunión pola tarde co seu defendido, que pedirá o sobresemento parcial da causa que se segue no xulgado no que respecta á imputación da parella sentimentel de Sonia Iglesias. A irmá da desaparecida valorou este anuncio e sinalou que "si lo pide, estudiaremos con nuestra abogada presentar un recurso".

Arquivado en