Solucionada a situación dos nenos que quedaron sen axuda para os comedores escolares

Pontevedra
21 de febreiro 2019

Cidadáns esixirá a través dunha moción que o  Concello realice unha convocatoria pública para a regulación destas axudas

Comedor escolar
Comedor escolar / Mónica Patxot

A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, celebrou que o Concello, "por fin e despois de cinco meses de atraso" dese solución aos escolares que se quedaron fóra das prazas de comedor sufragadas polo Concello. 

Unha vez liquidada a urxencia desta situación, a edila da formación laranxa presentará unha moción ao pleno da corporación para esixir ao Goberno local que realice unha convocatoria pública para regular o acceso a esta prestación social "para garantir estas axudas de forma regrada ao comezo do próximo curso escolar".

Cidadáns reclamara desde setembro unha partida de 40.000 euros para garantir o acceso ás 32 prazas custeadas polo Concello a través do departamento de Servizos Sociais aos escolares que quedaron en lista de espera, "porque non é asumible no modelo de cidade que vende o BNG que se produzan situacións como esta, na que non se garante a alimentación adecuada aos nosos nenos". 

O servizo de comedores escolares xestiónao a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Pontevedra ( Fanpa) a través dun convenio co Concello, orzado en 210.000 euros. Das prazas existentes, o Concello sufraga un total de 32 a través do departamento de Servizos Sociais, unha cifra que Cs considera insuficiente, "como se demostrou este ano".