Amencer Aspace e a Asociación Veciñal Breogán volven organizar o Solifest, contando ca colaboración do Concello de Vilagarcía e da Deputación de Pontevedra.
Ambas institucións xuntan esforzos e recursos para cooperar co festival solidario nesta nova edición do 2025.
O evento benéfico celebrarase o domingo 13 de abril no barrio do Piñeiriño, dende as 12:00 horas ata o atardecer.
Dispoñerase dunha carpa para o correcto desenvolvemento desta proposta.
Nesta iniciativa súmanse diferentes personalidades e establecementos de distintos ámbitos para ofrecer actividades solidarias ás persoas que se acerquen ao barrio vilagarcián.
Dous dos mellores chefs de Galicia, Rubén García e Xoaquín Ameixeiras, participarán no evento preparando tapas gratuitas para todos os asistentes.
No proxecto tamén se realizarán cortes de pelo da man de 'La Barbería del Vecino' e unha barra de vermuts organizada polos baresMadia Leva, Amor de Madre e Café-Bar Nautilus.
Por outra banda, o vilagarcián Ricardo García encargarase da dirección técnica do escenario.
Nas próximas semanas presentarase o cartel deste festival benéfico que combina comercios, bares, veciños e artistas no Piñeiriño.
O primeiro Solifest foi un festival solidario a beneficio de Amencer Aspace cuxo obxectivo principal era recadar fondos para adquirir un Tobii PCEye.
O dispositivo é un lector ocular creado para a comunicación que permite manexar un ordenador ou unha tablet Windows só cos ollos.
Outro dos obxectivos consistiu na celebración dun evento que dese visibilidade á Amencer e que permitise aos usuarios do centro Princesa Letizia interactuar tanto no festival como na campaña de difusión.