Estes días do ano xúntanse miles de iniciativas solidarias. Calquera oportunidade é boa para dedicarse a quen máis o precisa
CARREIRA
A concellaría de deportes de Bueu organizará o vindeiro 23 de decembro a III Carreira Solidaria de Nadal. Os fins deste evento son fomentar a práctica do deporte en familia e concienciar sobre a necesaria investigación do cancro infantil.
Os fondos recadados se destinarán á Asociación Bicos de Papel, recentemente creada, que axuda aos nenos do Hospital Álvaro Cunqueiro.
CROSSFIT
O Pavillón Universitario acolle este domingo unha competición benefica de crossfit, promovida pola Vicerreitoría do campus, xunto con Crossfit Turoqua, na que a recadación das cotas de inscrición aboadas polas 25 parellas participantes será doada á Fundación Meniños.
Ademais, solicítaselle tanto a participantes como ao público asistente a doazón de alimentos non perecedoiros, roupa ou xoguetes, que serán entregados á Fundación Boa Vida e Caritas.
PESCA
O club de pesca deportiva Nordés colabora coa Asociación Boa Vida por segundo ano consecutivo cunha recollida de roupa e xoguetes para contribuir a disminuir as desigualdades na comarca. Será o próximo 17 de decembro no terceiro campionato de pesca na modalidade de spinning e con carácter solidario.
O escenario da proba será na zona de San Vicente do Mar no Grove, dividido en tres sectores que van desde a esquina da praia da Lanzada (Campamento da Deputación) ata a praia de Mexilloeria bordeando todo a costa da zona.
COMPARTIR XOGUETES
A Asociación do Comercio e a Industria de Marín en colaboración cos colexios de primaria e infantil do municipio recolle xoguetes entre o alumnado, que despois repartirá aos nenos das familias necesitadas. Esta campaña está principalmente encamiñada a concienciar aos nenos para compartir os seus xoguetes con aqueles que non teñen posibilidade de gozar deles.
Ademais de recollidas de xoguetes nos colexios, ACIMA habilitou un local na rúa Concepción Arenal 74, baixo. Tamén se pode deixar roupa e alimentos non perecedoiros. Esta campaña terá o seu punto culminante cunha gala benéfica.