A solidariedade dos pontevedreses chegou nestes días a Guinea Bissau a través dun proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Pontevedra. Este mércores inaugurouse na localidade de Bafatá a exposición 'Europa, realidade dun soño' do fotógrafo Gabriel Tizón, punto de partida para a iniciativa 'Causas Comúns'.
O proxecto 'Causas Comúns' ten como obxectivo informar e sensibilizar acerca do incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa a través da fotografía como idioma común e está apoiado integramente polo Fondo Galego de Cooperación e o Concello de Pontevedra, en estreita colaboración coa ONG local EACS-D.
O proxecto vai destinado ao pobo galego e ao de Guinea Bissau, ao que se trasladará que a vivenda, o traballo, a comida ou a xustiza son xa artigos de luxo, non só nos "países pobres" ou empobrecidos, senón en todo o mundo. Coa exposición 'Europa, realidade dun soño' preténdese resaltar a importancia de dar a coñecer esta situación entre o pobo africano, para visibilizar ao que se enfrontan e os obstáculos que se van atopar no camiño a Europa.
Na inauguración da mostra en Bafatá participaron este mércores máis de 300 persoas, así como o propio Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana. Ambos os dous permanecerán no país africano ata o 17 de xaneiro no marco do proxecto 'Causas Comúns' e nese tempo realizarán obradoiros con fotógrafos locais e líderes de diferentes comunidades e presentarán a exposición en diversas localidades.
O proxecto Causas Comúns aterrará a finais de febreiro en Pontevedra da man da exposición 'África, soños e mentiras', para tecer unha ponte de solidariedade coas persoas que deciden migrar ao noso país. A mostra presentarase na cidade do Lérez e circulará por distintos centros sociais e de ensino ata o mes de xuño. Posteriormente, converterase en itinerante entre as administracións socias do Fondo Galego.