A 'Taponeta' xurdida en Pontevedra para promover a recollida solidaria de tapóns cos que axudar a diversas causas sociais sumouse agora á onda de solidariedade que está a asolagar a sociedade española ante a situación de emerxencia sanitaria derivada do avance do coronavirus. Para facer fronte ás restricións do estado de alarma e garantir que a corentena colectiva leve en mellores condicións, ofrece os seus servizos para axudar a quen o necesite.
"Se alguén nos necesita de verdade, aí estamos", explica a alma da 'Taponeta', Enrique Magdalena, un xornalista pontevedrés que alega sentirse un "privilexiado" no medio desta situación de emerxencia sanitaria e quere poñer o seu gran de area para axudar aos que non poden moverse das súas casas para cuestións tan básicas como facer a compra ou ir á farmacia.
Desde a 'Taponeta' anunciaron a través de Facebook que se poñían ao dispor daquelas persoas maiores ou con mobilidade reducida que necesiten axuda para as súas subministracións básicas. "Poden contar connosco, coa Taponeta Solidaria. Aquí estamos", ofrecen.
Este domingo, segundo explica Enrique Magdalena, xa recibiron unha petición de axuda. Foi da súa veciña, unha muller maior con mobilidade reducida á que durante a corentena terán que levarlle a comida á casa e que pediu aos 'taponeteiros' que lle leven iogures naturais para 15 días.
"Non é de primeira necesidade nin nada, pero se mañá vou ao super, lévolle un par de paquetes para ter aí para 15 días", explica. Aínda que parece un xesto sen importancia, para esta veciña de Pontevedra será un mundo poder contar cun produto co que facer máis levadía a corentena.
O espírito desta iniciativa é aproveitar que tres ou catro persoas que se ofreceron á 'Taponeta' acoden a facer a compra ou saen de casa para cumprir as súas obrigacións laborais para facer pequenos recados a aqueles que o necesitan porque están en illamento por coronavirus, porque teñen dificultades para moverse ou porque, ao ser grupos de risco, deben extremar aínda máis as precaucións para non contaxiarse.
A súa formulación básica é: "de paso que vou, non me custa". E diso se trata, de que aínda que non se trate de necesidades básicas, en tempos de corentena, toda axuda é ben recibida. Iranse organizando a medida que vaian chegándolle peticións de axuda.
Desde a taponeta decidíronse a ofrecer este novo servizo "visto como está a situación, que loxicamente non se pode andar pola rúa se non vas traballar, a farmacias ou ao super". Enrique Magdalena chama a atención sobre o feito de que "xa se está facendo entre veciños" e co seu ofrecemento só amplían o campo de actuación desta solidariedade espontánea.
Considérano "unha responsabilidade como cidadán", sobre todo, sentíndose uns "privilexiados" polo feito de "estar san e estar ben e poder saír á rúa para traballar". "Se podo botar unha man, pois, mira, estupendo. A min gustaríame que o fixesen comigo", conclúe.