Solicitude do PP para que se rehabilite a área recreativa da Rúa da Gándara

Pontevedra
07 de maio 2024

Os concelleiros do PP de Pontevedra, Silvia Junco e Martín Martínez, reclaman ao goberno local a mellora no tramo da estrada que conecta a pasarela de madeira do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) coa área recreativa da fonte do Parigón

O PP de Pontevedra pide unha mellora na Gándara
O PP de Pontevedra pide unha mellora na Gándara /

Silvia Junco e Martín Martínez, concelleiros do Partido Popular de Pontevedra, achegáronse nas últimas horas pola nova zona verde da Xunqueira de Alba.

Durante a súa visita comprobaron que a estrada municipal está esnaquizada, con fochancas de gran tamaño e o pavimento levantado, as mesas e os bancos da área recreativa atópanse cubertos por maleza e unha das casetas de madeira, situada na Xunqueira de Alba leva sete meses calcinada, segundo indican.

Os representantes do PP reclaman ao Concello que interveña e que rehabilite de maneira "integral" a Rúa da Gándara, no tramo de estrada que une a pasarela de madeira do Espazo Natural de Intéres Local (ENIL) coa área recreativa da fonte do Parigón, unha fonte que tamén é coñecida popularmente como Fonte das Nuncias.

Silvia Junco demanda que se "dea continuidade" ao proxecto das marismas e da Rúa da Santiña. A intención dos populares é que mellore unha das zonas de paso "máis transitadas polos peregrinos que saen de Pontevedra cara a Santiago de Compostela polo Camiño Portugués".

Tamén expoñen que a limpeza, o mantemento e a iluminación son esenciais nas estradas municipais, principalmente en zonas que son utilizadas por "miles de peregrinos" a diario.