A Semana Santa xa chegou a Sanxenxo. Non se nota só pola afluencia de visitantes que empeza a encher a localidade, senón tamén nas propias praias, pois este ano, por segundo consecutivo, o Concello procedeu ao seu balizamento xa nesta época. Ademais, para dar a benvida a esta época de tanta afluencia de turistas, esta fin de semana loce o sol e temperaturas primaverais.
As 21 praias que ten o municipio de Sanxenxo contarán este ano, por primeira vez, con balizamento para separar as zonas de baño das áreas de recreo náutico e catro delas xa desde esta semana Santa. Trátase das praias urbanas e todas as tarefas comezaron xa o venres, 22 de marzo.
Así, o Concello comezou na tarde deste venres o balizamento das praias urbanas de Panadeira, Silgar, Baltar e Caneliñas. Na máis céntrica, a de Silgar, xa se pode ver a tarefa completada.
Trátase dunha medida de seguridade que xa se puxo en marcha o ano pasado durante o mesmo período e que se incluíu no novo contrato de balizamento de praias.
O Concello acordou coa empresa subministradora adiantar o servizo nos areais que tanto pola súa situación como pola afluencia de bañistas fosen susceptibles desta mellora na seguridade.
Este ano non se está colocando a sinalización habitual con corcheras, xa que non soportaría as condicións do mar, pero si se delimita cunha liña de boias amarelas a zona de baño.
O balizamento que se está colocando agora xa quedará ata o verán, cando se reforzará a delimitación con corcheras e a delimitación dos accesos para embarcacións.
No verán contarán coa zona de baño delimitada A Granxa, Pampaido, Area de Agra, Areas, Nanín, Carabuxeira, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro.