Sogama, premiada polo seu compromiso medioambiental nos European Business Awards 2021 en París

Pontevedra
06 de decembro 2021

 Estes premios naceron coa pretensión de difundir o talento a nivel internacional, permitindo que diferentes empresas se reúnan nun punto xeográfico común co obxectivo de intercambiar ideas, proxectos e referencias. Sogama foi recoñecida na categoría de Compromiso Medioambiental e Javier Domínguez Lino, foi o encargado de recoller o galardón 

Javier Domínguez Lino, nos European Business Awards 2021 en París
Javier Domínguez Lino, nos European Business Awards 2021 en París / Sogama

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) foi premiada nos European Business Awards 2021, os Premios Europeos á Empresa que se entregaron en París

Estes premios naceron coa pretensión de difundir o talento a nivel internacional, permitindo que diferentes empresas se reúnan nun punto xeográfico común co obxectivo de intercambiar ideas, proxectos e referencias.

Sogama foi recoñecida na categoría de Compromiso Medioambiental e o seu presidente, Javier Domínguez Lino, foi o encargado de recoller o galardón en París. 

A organización do evento quixo enxalzar o bo facer de Sogama, cualificándoa como exemplo de economía circular na xestión medioambiental.

Domínguez manifestou a súa gran satisfacción polo recoñecemento xa que este premio "vén a recoñecer todo o esforzo, traballo e ilusión que, desde esta sociedade, investimos na mellora ambiental da nosa terra, Galicia, a través da xestión sostible dos residuos urbanos".

"Trátase dun recoñecemento especialmente significativo para nós porque coincide coa conmemoración do Ano Xacobeo 2021-2022”, engadiu o presidente. .

Aproveitando a gala, Domínguez animou aos presentes a visitar Galicia, "unha comunidade cunha beleza natural espectacular, unha paisaxe única, un importante patrimonio cultural e histórico, unha gastronomía de primeira e un pobo hospitalario, xeneroso, solidario e comprometido co medio ambiente".