Sogama perfílase como primeira opción para tratar os residuos orgánicos da provincia

Pontevedra
07 de novembro 2023

Os presidentes da Deputación de Pontevedra, Luis López, e de Sogama, Javier Domínguez, mantiveron este martes un encontro de traballo para estudar o estado da rede pública de infraestruturas coa que conta a provincia para o tratamento dos residuos orgánicos

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e Javier Domínguez, presidente de Sogama
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e Javier Domínguez, presidente de Sogama / Mónica Patxot

Os presidentes da Deputación de Pontevedra, Luis López, e de Sogama, Javier Domínguez, mantiveron este martes 7 de novembro un encontro de traballo para estudar o estado da rede pública de infraestruturas coa que conta a provincia para o tratamento dos residuos orgánicos recollidos a través da rede de contedores marróns.

A lexislación europea obriga aos concellos a implantar a recollida diferenciada da fracción orgánica antes do próximo 31 de decembro. Por este motivo, o presidente de Sogama púxose a disposición da Deputación para axudar aos municipios en todo o concernente á formación e concienciación da veciñanza no correcto uso do contedor marrón. 

Así mesmo, fixo fincapé na importancia de seguir incentivando a compostaxe doméstica nas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo, xa que, con esta práctica, cúmprese o principio de proximidade ao tratar o residuo orgánico en orixe. 

Neste sentido, lembrou que un total de 47 concellos da provincia de Pontevedra, ademais de 68 centros educativos e 8 colectivos sociais, están adscritos ao programa de compostaxe doméstica liderada por Sogama en Galicia, tendo repartido entre os mesmos un total de 7.637 composteiros.

Nesta xuntanza tamén se abordou o tratamento de biorresiduos a través das plantas que se están construíndo na provincia. O obxectivo de Sogama é que a práctica totalidade dos concellos de Pontevedra dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

A provincia conta cunha planta de biorresiduos en Vilanova de Arousa, que entrará en funcionamento o próximo 1 de decembro, apoiada por cinco plantas de transferencia. Dúas destas cinco plantas de transferencia son de nova construción: A Lama, xa concluída, e Arbo, cuxa obra finalizará no mes de decembro. E tres están sometidas a remodelación: Silleda e Porriño, listas para comezar a operar, e Vigo, pendente de licenza urbanística para poder executar a obra.

ADEUS AO PLAN REVITALIZA

Este mesmo martes, o voceiro do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, denunciou que as modificacións que recolle o orzamento da administración provincial para 2024 fan desaparecer o plan Revitaliza como tal, xa que pasa de 890.000 euros en 2023 a 135.000, unha redución do 84%.

"Isto é unha cousa máis sorprendente, aínda por riba cando o 31 de decembro deste ano hai que cumprir obxectivos e medidas que impón a lei e estas medidas van radicalmente en contra", sinalou Mosquera.

Mosquera, quen foi vicepresidente da Deputación de Pontevedra entre o ano 2015 e o 2023 e impulsor do Plan Revitaliza, afirmou que no novo Goberno provincial "poderán dicir que o substitúen por un plan de compra de material para os concellos, pero iso é outra cousa distinta".

"Cousas que se tiñan avanzado, que os tempos levaron a avanzar, como que había que primar aos concellos que intentan cumprir obxectivos e mellorar nos residuos, volven atrás", lamentou o voceiro do BNG.