Sogama forma a estudantes en recollida selectiva de residuos

Pontevedra
15 de maio 2024

Esta campaña enmárcase no Día Mundial da Reciclaxe, que se celebrará este vindeiro venres 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas

Actividade formativa de Sogama no CEIP Feliciano Barrera en Ponteareas
Actividade formativa de Sogama no CEIP Feliciano Barrera en Ponteareas /

No marco do Día Mundial da Reciclaxe, que terá lugar este venres, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, Sogamaformará en recollida selectiva de residuos a escolares e mozos, tanto de primaria como de secundaria, dunha trintena de municipios das catro provincias galegas.

As sesións, todas elas presenciais, veñen desenvolvéndose desde o pasado luns, día 13, e están orientadas a clarificar os tipos de refugallos a depositar en cada un dos contedores que a cidadanía ten á súa disposición para garantir o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas.

Se ben os nenos e nenas constitúen un colectivo moi proactivo e implicado na xestión sostible dos residuos municipais, o certo é que aínda persisten dúbidas ao redor da correcta separación dos mesmos en orixe, especialmente en relación ao contedor amarelo. Concibido para acoller envases e envoltorios de plástico, latas e briks, neste recipiente non pode introducirse calquera tipo de plástico, senón unicamente os conceptuados como envases.

No caso do azul, advírtese que o papel e cartón debe ir limpo, sen restos de graxa e libre de elementos accesorios tales como espirais, grampas, argolas, etc. No iglú verde, unicamente botellas, frascos e tarros de vidro, pero sen tapas nin tapóns. E no contedor marrón, novidade en moitos concellos, só a materia orgánica, previamente introducida en bolsas compostables.

No sistema Sogama, os restos orgánicos transpórtanse ata unha das catro plantas de biorresiduos coas que conta a entidade (Cervo, Cerceda, Vilanova de Arousa e Verín) para que poidan converterse en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e con interesantes aplicacións no sector da agricultura e xardinería.


Onde vai

A pretensión desta nova campaña é reforzar os coñecementos sobre reciclaxe do público destinatario, explicar as vantaxes que ten para o medio ambiente e a calidade de vida o simple feito de segregar os residuos en orixe e depositalos no contedor correspondente, e, máis importante aínda, a importancia transcendental de reducir ao máximo a produción de refugallos mediante pautas de consumo consciente, informado e responsable.

Con tal fin, educadores ao servizo da Sociedade utilizarán recursos de apoio tales como vídeos, presentacións e xogos.

Ademais, os cidadáns poden resolver as súas dúbidas, en tempo real, a través do buscador de Sogama Onde Vai https://ondevai.sogama.gal/ga

 

Participantes

Na campaña participan, por parte da provincia de A Coruña, centros educativos de Ferrol, Monfero, Narón, Santiago de Compostela e Teo. Pola de Lugo, de Becerreá, Bóveda, Monforte de Lemos, Monterroso, O Páramo, Lugo cidade e Vilalba.

No caso da provincia de Pontevedra, de Barro, A Guarda, Gondomar, Ponteareas, Moaña, Poio, Nigrán, O Porriño, Pontevedra cidade, Vigo e Vila de Cruces. E, pola de Ourense, centros do Carballiño, Ourense, Muíños, Castrelo de Miño, Viana do Bolo e Vilar de Barrio.