Dous por un. A Policía Local de Pontevedra denunciou un veciño da cidade de 29 anos por circular cun patinete eléctrico pola beirarrúa e por facelo, ademais, baixo a influencia do alcol. En total, deberá asumir unha sanción de 700 euros e o curioso é que, ademais, o denunciado acudira el mesmo á Xefatura para dar conta dun accidente .
Todo sucedeu sobre as 7.45 horas da mañá deste xoves na rúa Blanco Porto de Pontevedra. O home acudiu á Xefatura da Policía Local e explicou aos axentes que circulaba co seu patinete eléctrico pola beirarrúa e un vehículo que saía dun garaxe deulle un golpe.
O home desprazouse cos axentes ata as dependencias policiais, onde esta previsto que se tramitasen dilixencias polo accidente e por circular pola beirarrúa, unha conduta non autorizada. Mentres tramitaban as dilixencias, déronse conta de que esta persoa podería estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas.
Nese momento sometérono á proba de alcol e deu positivo cunha taxa de 0,53 miligramos por litro de aire expirado, de maneira que á multa de 200 euros que xa lle ían poñer por circular pola beirarrúa cun patinete eléctrico se suma outra proposta de sanción de 500 euros por conducir un vehículo cunha taxa superior á permitida. Duplicaba a taxa autoizada, 0,25 mg/ l.