Populares e socialistas queren que se rectifique "o absurdo e cutre paso de Shibuya" do barrio de San Roque

Pontevedra
28 de marzo 2025
Actualizado: 14:50

O portavoz socialista, Iván Puentes, denuncia "o cabreo e perplexidade da veciñanza do barrio" ante un paso de peóns "que só serve para eliminar algunhas prazas de estacionamento"

Paso de peóns en Campo da Torre
Paso de peóns en Campo da Torre /

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, criticou a decisión do goberno local de Pontevedra de pintar un "enorme e chamativo" paso de peóns no Campo da Torre, "unha sorte de versión cutre do emblemático cruce de Shibuya, en Tokio".Tamén o grupo municipal do Partido Popular calificou de "absurdo" este paso de cebra.

En opinión de Iván Puentes, o que se fixo no Campo da Torre é "unha chapuza" e "unha verdadeira chafallada".

O PSOE rexeita este paso de peóns "que cruza de ningún sitio a ningún sitio" e aseguran que unicamente serviu para eliminar algunhas prazas de estacionamento, "sen dar resposta ao que de verdade necesita San Roque". 

Os socialistas e os populares agardan unha rectificación por parte do Concello e que traballe na declaración de todo este contorno como Área de Rehabilitación Integral (ARI) e humanice o barrio de San Roque.

"O cabreo e perplexidade da veciñanza do barrio está totalmente xustificado", afirma Puentes.

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra mostrou  o seu "asombro" e cualificou de "absurda" esta actuación.

Igualmente o concelleiro popular Iago Acuña considera que a creación deste paso de peóns, "sen consenso veciñal e sen atender as demandas reais que existen no barrio", é un exemplo máis de que "os concelleiros do BNG toman as súas decisións de maneira unilateral, sen importarlle o máis mínimo o que pensen os afectados, a pesar de que gobernan só con 9 dos 25 concelleiros da corporación municipal".

"Non é a primeira vez que, desde o PP local, denunciamos a falta de prazas de estacionamento en San Roque, que pola súa configuración antiga non conta con suficientes garaxes para os residentes", apuntou xunto á edil popular Beatriz Rey, antes de reclamar ao goberno municipal que rectifique e restitúa todas as prazas eliminadas porque xa existen tres pasos de peóns que cumpren esa función en Campo dá Torre.

O concelleiro socialista Manuel Fariña asegurou recoller a "indignación" da veciñanza.

Segundo lle transmitiron, este paso de peóns "carece de sentido" e sinala que "esta actuación só resposta a unha directriz política de ir eliminando prazas de estacionamento de xeito progresivo". En menos dun ano, denuncia Manuel Fariña, desapareceron entre 10 e 15 prazas neste contorno.

Algúns veciños amosaban o seu "cabreo e estupefacción" asegurando que "isto parece un chiste", e mesmo comezaban a estudar xa accións como unha recollida de sinaturas. 

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda aclarou que os traballos que se están a realizar no Campo da Torre son para "garantir a seguranza dos peóns, tanto da veciñanza como de todos os que se achegan a gozar do novo parque infantil, tal e como falou coa asociación de veciños".

Explicou que a raíz da ampliación do parque infantil, o espazo quedara "un tanto inconexo e inseguro" porque hoxe en día o parque funciona a modo de "illa de tráfico no medio da praza" e está totalmente rodeado por coches, o que supón "bastante inseguridade" na zona.

"Como no resto da cidade, o obxectivo é a seguridade viaria e a mobilidade amable", indicou Xaquín Moreda que confirmou que se está facendo unha actuación por fases. Hai unhas semanas xa se melloraron as beirarrúas, creouse un espazo de estancia unindo o parque infantil coa área pegada á praza de Touros e nestes días estanse pintando pasos de peóns para mellorar estes percorridos adaptados, ademais de fixar zonas de prohibición de estacionamento diante do acceso ás vivendas unifamiliares do final da praza. No futuro tamén se instalarán pasos de peóns elevados. 

"Son actuacións para mellorar a seguridade da veciñanza e se se eliminan prazas de estacionamento tampouco pasa nada, porque do que se trata é de seguridade viaria e de mobilidade amable", concluíu.