Os socialistas pontevedreses terán unha data clave o vindeiro 3 de maio coa celebración do 5 Congreso Provincial na cidade capitalina.
Despois da celebración do 41 Congreso Federal e do 15 Congreso Nacional chega a quenda deste 5 Congreso Provincial e o PSdeG-PSOE da provincia abriu formalmente o calendario durante unha reunión do comité provincial celebrada este venres na residencia de estudiantes de Pontevedra.
O secretario xeral provincial, David Regades, presidiu o comité, máximo órgano entre congresos, no que se aprobou por unanimidade o calendario, o comité organizador do congreso e o equipo de redactores da ponencia-marco.
"Somos o partido da democracia interna, a que se demostra coa participación activa das bases e sempre coas portas abertas", afirmou, e animou á militancia a participar activamente na cita "coa fortaleza de saber que somos o único partido que pode liderar as transformacións que necesita España, Galicia e esta provincia, que somos o único partido transversal a toda a sociedade".
Do Congreso Provincial sairá a nova Secretaría Xeral Provincial, a Comisión Executiva Provincial, a Comisión Provincial de Ética e demais órganos decisorios na estrutura do partido para os vindeiros catro anos.
Ata o próximo 19 de abril estará aberto o prazo para a elección dos delegados e delegadas do Congreso entre as agrupacións locais da provincia.
As persoas que aspiren á Secretaría Xeral Provincial deberán presentar a súa precandidatura entre o 2 e o 3 de abril.
O período de presentación de avais será entre o 3 e o 10 de abril. Cada candidato deberá presentar os avais dun 15% da militancia.
En caso de haber máis dunha candidatura celebraranse Primarias, que terían a campaña informativa entre o 11 e o 19 de abril. En caso de haber máis dun candidato/a, a xornada de votación en primeira volta será o 20 de abril. Se ningún candidato o candidata logra máis do 50% dos votos válidos emitidos, celebraríase unha segunda volta que sería o 27 de abril.
Unha vez concluído o 5 Congreso Provincial será a quenda dos congresos locais, que deberán rematar antes do 30 de xuño.