Os sindicatos Comisións Obreiras e UXT asinaron coa patronal da asociación provincial Aproinppa o novo convenio dos traballadores do sector de panadarías, pastelarías e pratos preparados e afíns de Pontevedra que, entre outras cuestións, contempla un incremento dos soldos dun 5%.
A CIG non asinou o acordo porque considera que non supón unha mellora real das condicións de traballo.
A subida salarial terá efecto retroactivo a xaneiro do 2024 e para todo o 2025.
Ademais, o novo convenio tamén contempla un aumento de 0,25 euros do prezo da hora nocturna e das contías no seguro de accidentes e enfermidade.
A CIG denuncia que os traballadores deste sector continúan con xornadas moi elevadas, con salarios moi baixos para o actual custo da vida, con precariedade e dificultades continuas para atender o coidado de familiares e para conciliar a vida laboral e familiar.
Pola súa banda, Comisións Obreiras asegura que a CIG non asinou o convenio "por decisión da súa cúpula" malia ter participado "de maneira conxunta en todo o proceso de negociación", así como na asemblea sectorial en que as persoas traballadoras votaron "de xeito unánime a favor do acordo".