Soben os casos activos por coronavirus na área sanitaria ata os 483, pero non as hospitalizacións

Pontevedra
11 de abril 2020

A cifra oficial deste sábado 11 de abril cifra supón un incremento de 14 novos casos activos de Covid-19 en Pontevedra e O Salnés nas últimas 24 horas. A subida non afecta á presión hospitalaria, xa que unha persoa menos permanece ingresada polo virus na área sanitaria sen que se producisen máis falecementos

Evolución do casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra ata o sábado 11 de abril
Evolución do casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra ata o sábado 11 de abril / Fonte dos datos: Xunta de Galicia

A área sanitaria mantén a tendencia das últimas xornadas na loita contra o Covid-19, cun incremento moderado de casos activos pero sen afectar á presión hospitalaria, que segue reducíndose aínda que nesta ocasión sexa de maneira mínima.

Segundo os datos oficiais feitos públicos este sábado 11 de abril pola Consellería de Sanidade, en Pontevedra e O Salnés permanecen activos 483 casos de pacientes positivos por coronavirus, o que supón un incremento de 14 persoas nas últimas 24 horas.

Esa subida con todo non se traduciu en maior carga de traballo para os hospitais, posto que a cifra de ingresados baixou nunha persoa para un total de 61 entre os centros de Montecelo, Hospital  do Salnés (3) e  QuirónSalud Miguel Domínguez (1).

O que se mantén estable é o número de pacientes que evolucionan na UCI, con 13, mentres que o resto dos 422 afectados permanecen nos seus domicilios. Ademais non se produciron falecementos asociados ao coronavirus nas últimas horas, polo que a cifra de defuncións desde o inicio da pandemia segue sendo de 11.

Por último en canto ás altas hospitalarias, déronse 2 novas desde o venres para un total de 110 pacientes curados.

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.747 (+116), dos que 1.169 son da área da Coruña, 592 da de Lugo, 1.129 da de Ourense, 1.085 da área de Vigo, 963 da de Santiago, e 326 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 143 permanecen en UCI, 716 están en unidades de hospitalización e 4.888 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 1.082 altas de pacientes e 347 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 42.122.

DATOS DAS RESIDENCIAS DE SERVIZOS SOCIAIS

Do total de casos diagnosticados, a Xunta de Galicia confirma que 885 usuarios de centros residenciais e 400 profesionais víronse contaxiados, rexistrándose 73 falecementos en residencias e 68 en hospitais e residencia integradas.

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,6% do total das persoas residentes.

Respecto das 8 persoas falecidas nas últimas horas en centros residenciais, 1 foi na residencia DomusVi Matogrande (A Coruña), 1 na residencia Caser A Zapateira (Culleredo), 2 na residencia N.S. da Esperanza (Ourense), 1 na residencia DomusVi Barreiro (Vigo), 1 na residencia de Moledo (Vigo), 1 na residencia DomusVi de Cangas e 1 na residencia San Pedro de Crecente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden ao que achegan con carácter diario os propios centros.

TELÉFONO DE CONSULTAS 

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.