Soben a dez os hospitalizados por covid na área sanitaria, con tres persoas na UCI

Pontevedra
28 de xuño 2021

Os casos activos de coronavirus soben unha xornada máis en Pontevedra e O Salnés ata situarse nos 226, con 19 máis que o domingo. Na última xornada detectáronse unha vintena de contaxios

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra / Cristina Saiz

A tendencia á alza dos últimos días na cifra de afectados por covid na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reflectiuse este luns 28 de xuño na presión hospitalaria, segundo o balance diario actualizado ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde.

Estas estatísticas reflicten que a cifra de hospitalizados na área pontevedresa subiu a dez no inicio da semana, dous máis que o domingo, sumando ademais unha persoa máis na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, na que evolucionan actualmente tres afectados. O resto permanecen en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (4) e o Hospital do Salnés (3).

En canto aos casos activos, seguen subindo para situarse en 226, o que supón 19 máis que o día anterior tras unha xornada na que se detectaron 20 novos contaxios e produciuse un alta epidemiolóxica.

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 14.190 persoas na área sanitaria, rexistrándose 181 falecementos de persoas con positivo activo.

Segundo o Sergas nas últimas 24 horas realizáronse 347 probas PCR, que se engaden ás 247.858 efectuadas con anterioridade.