Despois do incremento de casos rexistrado o luns, este martes 14 de abril os datos de persoas afectadas polo Covid-19 en Pontevedra e O Salnés volveron a estabilizarse. En concreto, segundo a Consellería de Sanidade, só se contabilizaron tres casos activos máis nas últimas horas, para un total de 504 na área sanitaria.
A melloría deixouse notar tamén na presión sobre a Unidade de Coidados Intensivos (UCI), con tres pacientes menos ao seu cargo ao permanecer 12 persoas ingresadas nesta unidade especializada polos 15 que había o luns.
En total o número de hospitalizados é de 57, un descenso de tres persoas traducido nas tres altas hospitalarias tramitadas que colocaron o número de curados en 117 desde que comezou a pandemia. Estes hospitalizados repártense entre os centros de Montecelo, O Salnés (5) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1), mentres que 447 afectados polo virus recupéranse nos seus domicilios.
Así mesmo nas últimas horas non houbo que lamentar ningún falecemento asociado ao Covid-19, manténdose a cifra de defuncións dentro da área sanitaria pontevedresa en 12.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.973 (+34), dos que 1.271 son da área da Coruña, 590 da de Lugo, 1.187 da de Ourense, 1.077 da área de Vigo, 1.007 da de Santiago, e 337 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 133 permanecen en UCI, 733 están en unidades de hospitalización e 5.107 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.240 altas de pacientes e 384 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 48.337.
CENTROS RESIDENCIAIS
O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia, supoñen o 3,7% do total das persoas residentes. En concreto, hai 917 usuarios e 418 traballadores destes centros con coronavirus. Do total de falecementos da comunidade, 87 eran persoas que estaban en residencias e 81 estaban en hospitais e residencias integradas.
Respecto das 5 persoas falecidas nas últimas 24 horas en centros residenciais, 1 foi na residencia de Os Bosques (Pontedeume), 2 na residencia N.S Esperanza (Ourense), 1 na residencia Moledo (Vigo) e 1 na residencia DomusVi Cangas.
TELÉFONO DE INFORMACIÓN
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.