Só recibe tratamento o 10% dos máis de 15.000 veciños da provincia que padecen alzheimer

Pontevedra
20 de agosto 2015

A idade é o principal factor ligado á enfermidade, unha circunstancia especialmente grave en Galicia onde de cada 100 habitantes 65 alcanzaron a idade de xubilación

José Manuel Fontenla, presidente da Asociación de Familiares de Alzheimer de Pontevedra (Afapo)
José Manuel Fontenla, presidente da Asociación de Familiares de Alzheimer de Pontevedra (Afapo)

Na provincia de Pontevedra calcúlase que máis de 15.000 persoas padecen alzheimer pero apenas o 10% recibe tratamento, xa que "muchos de ellos están sin diagnosticar", como constata José Manuel Fontenla, presidente da Asociación de Familiares de Alzheimer de Pontevedra (Afapo).

A idade é o principal factor ligado á enfermidade, unha circunstancia especialmente grave en Galicia onde de cada 100 habitantes 65 alcanzaron a idade de xubilación.

"Lamentablemente, si todo el mundo demandara estas atenciones tampoco podríamos darles servicio", destaca o presidente de Afapo, unha asociación que atende a case 70 persoas ao día, entre o centro terapéutico, que acolle diariamente a unhas 35 persoas e o centro público do Gorgullón, cunha capacidade limitada a 30. Ademais, traballan en zonas como Silleda e Lalín onde poñen atención a outras 20 persoas que padecen a enfermidade.

A este traballo hai que sumar o asesoramento que reciben de xeito continuado as familias que acoden a Afapo para informarse e a pedir consello acerca da enfermidade e o seu tratamento.

Para manter esta grande actividade é necesario acudir a unha serie de iniciativas que recadar fondos cos que cubrir o presuposto de Afapo como é a Gala Benéfica.

As instalacións do Liceo Casino na Caeira acollerán a Cea Benéfica o próximo 28 de agosto a partir das 21.30 horas e o prezo da cea é de 25 euros por persoa. Os interesados poden retirar xa as súas entradas tanto nas oficinas de Afapo na rúa Curtidoira, coma na sede do Liceo Casino, sita na rúa Manuel Quiroga.

Ademais Afapo sairá á rúa con mesas informativas o próximo 18 de setembro, con motivo do día Mundial do Alzheimer. A xornada completarase no auditorio de Afundación co monólogo do humorista David Guapo.

Tanto na Cea Benéfica como na Gala haberá unha 'fila cero' para aquelas persoas que non poidan asistir pero si que estean interesadas en colaborar na loita de Afapo contra esta enfermidade, "una pandemia en la que cada vez más personas están afectadas".