Só as murgas e Ravachol se salvan do tradicional Entroido pontevedrés

Pontevedra
31 de xaneiro 2022

Haberá pregón, concurso de murgas no Pazo da Cultura e tamén se queimará o Loro Ravachol, pero non haberá velorio nin cortexo fúnebre. As autoridades municipais descartan pola súa banda celebrar o desfile, a Mostra da Parodia e a Noite Pirata, se ben esta última reformularase como o "día pirata"

Despedida do Loro Ravachol no Entroido 2020
Despedida do Loro Ravachol no Entroido 2020 / Cristina Saiz

O Entroido de Pontevedra volverá a estar marcado irremediablemente pola pandemia. Haberá festa pero adaptada ás actuais circunstancias e cumprindo os protocolos marcados pola Xunta.

Así, haberá elementos da programación tradicional que se poderán manter pero outros non, segundo adiantou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.

Dentro da oferta na que traballa o departamento de Festas, Pontevedra seguirá organizando o pregón do Entroido, pero será nun espazo acoutado e perimetrado.

Ademais, haberá concurso de murgas no Pazo da Cultura e tamén se queimará o Loro Ravachol, pero non haberá velorio nin cortexo fúnebre.

As autoridades municipais descartan pola súa banda celebrar o desfile, a Mostra da Parodia e a Noite Pirata, se ben esta última reformularase como o "día pirata" e as rúas ambientaranse con barcos durante toda a xornada.

Haberá tamén unha festa infantil, pasarrúas para dar ambiente festivo á cidade durante toda a semana e outras actividades complementarias como unha exposición con carteis do entroido e outras imaxes icónicas.

Os detalles da programación do Entroido pontevedrés coñeceranse nos próximos días.