Situación de estabilidade pandémica na área: 128 casos activos con 8 persoas hospitalizadas

Pontevedra
15 de xuño 2021

A Consellería de Sanidade informa de que este martes 15 permanecen cinco pacientes ingresados con covid en planta do Hospital Montecelo, un no Hospital do Salnés, ademais de dúas persoas graves na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario. Detectáronse 9 novos positivos nas 266 probas PCR realizadas nas últimas horas

Taboleiro de agradecemento ao persoal sanitario no punto de vacinación do Recinto Feiral de Pontevedra
Taboleiro de agradecemento ao persoal sanitario no punto de vacinación do Recinto Feiral de Pontevedra / SERGAS

A área sanitaria mantense este 15 de xuño en parámetros similares aos ofrecidos durante a xornada do luns. Continúan ingresados oito pacientes por covid no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra-O Salnés (CHUS). Cinco persoas atópanse en planta do Hospital Montecelo, unha no Hospital do Salnés e outros dous pacientes permanecen ingresados de gravidade na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade este martes 15.

O número de casos activos sitúase en 128 pacientes, un máis que o luns, dos que 120 atópanse no seu domicilio evolucionando da enfermidade. Durante as últimas 24 horas realizáronse 266 probas  PCR, que ofreceron o resultado de 9 novos positivos.

Non se rexistraron novos falecementos por culpa da pandemia. Desta forma, a área sanitaria ofrece o resultado de 181 vítimas mortais desde o inicio do plan de continxencia, con 14.067 pacientes curados, nove máis nas últimas horas.

DATOS EN GALICIA

Galicia rexistra, segundo a Consellería de Sanidade, 1.379 casos activos este martes, 22 menos que o luns. Nas últimas horas detectáronse 60 novos positivos por covid, catro  contagios diarios máis respecto a os contabilizados durante a xornada do 14 de xuño.

O número de pacientes hospitalizados é de 67, dous menos. En planta atópanse 52, un máis que o luns, mentres que na UCI hai 15 persoas, tres menos que nas últimas 24 horas. 1.312 enfermos con coronavirus recupéranse nas súas casas.

Na última xornada tampouco se rexistraron novos falecementos, de maneira que a cifra de decesos por covid-19 mantense en 2.430 persoas desde que se comezaron a notificar as mortes por esta enfermidade.

A incidencia da covid na comunidade autónoma segue en descenso. A 14 días sitúase en 40,63 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a 7 días descende a 18,72 casos.