Sindicatos sanitarios acusan o Sergas de manipular as cifras de afectados pola Covid para saír do estado de alarma

Pontevedra
17 de xuño 2020

CESM-Galicia, Prosagap e Co.Bas organizaron novas concentracións diante da entrada do Hospital Montecelo e do Provincial para reclamar diálogo coa xerencia. O 26 de xuño realizarán unha nova manifestación e afirman que o Servizo Galego de Saúde rebaixou as cifras de infectados pola Covid-19 para saír do estado de alarma ante a cita electoral do 12 de xullo

Concentración de persoal do Hospital Provincial / Mónica Patxot
Acusan o SERGAS de manipular as cifras de contaxiados da Covid-19 para levantar o estado de alarma /

"Insólita" é a palabra que utilizan representantes dos sindicatos sanitarios Prosagap, CESM-Galicia e Co.Bas á hora de cualificar a baixada do número de contaxios de coronavirus que o  Servizo Galego de Saúde (SERGAS) fixo públicos o 12 de xuño. 

Enrique Marra-López, de  CESM-Galicia, asegura que nas datas previas á saída de Galicia do estado de alarma deuse unha baixada no número de altas de enfermos da Covid-19: "E iso é unha manipulación clarísima. Nesta área (Pontevedra-O Salnés) non foi onde baixaron máis pero en Vigo e en Santiago foi espectacular. Paréceme significativo do que quere facer o SERGAS, dirixido polo equipo que ten as eleccións ao virar a esquina", apunta este doutor do Hospital Provincial para afirmar a continuación que "non queremos entrar en política, queremos falar de sanidade con técnicos pero estes técnicos están vendidos, son comisarios políticos da xente de Santiago. E non atenden a razóns, para facer manipulación das cifras para alcanzar o seu obxectivo, que é chegar ás eleccións". 

Segundo sinalan, atendendo aos datos achegados pola Xunta, o día 12 de xuño pasaron de 92 a 34 e de 184 a 148 infectados nas áreas sanitarias de Santiago e Vigo, cunha caída no conxunto de Galicia de 108 casos. Entenden que estas cifras responden a unha petición do goberno da Xunta para xustificar o levantamento do estado de alarma.

Marra-López realizaba estas declaracións ás portas do Hospital Provincial onde un grupo de profesionais volvían concentrarse para reclamar a dimisión da xerencia dos Hospitais de Pontevedra ante a falta de negociación coas forzas sindicais e a falta de medios suficientes para que o persoal dos centros sanitarios poida expresar a súa opinión e o teñan en conta. Tamén se desenvolveu outra concentración no Hospital Montecelo.

O representante sindical recoñece que a situación actual é preocupante. A xerencia anunciou que manterán pechada media planta de trauma e cirurxía por se se rexistra un rebrote de pacientes da Covid, pero os sindicatos non entenden que se sigan pechando a área de infantís ou que continúen deixándose camas inoperativas durante o verán, como sucede todos os anos. 

"O tema da reactivación de quirófanos e consultas externas non sabemos a que aternos. Non foron capaces de entregarnos en números as listas de espera para pacientes en consultas externas e quirófanos", apunta o portavoz de  CESM-Galicia nas súas críticas ao equipo da xerencia que dirixe José Ramón Gómez. "Hai un atraso de tres meses, é lóxico, pero non están a pactar un plan para facer isto e bótaselles encima o verán. A xente ten que coller vacacións e moitas áreas están  sobrecargadas polo traballo de antes. Non hai ningunha planificación, é unha continua improvisación", conclúe Enrique Marra-López.

Os tres sindicatos convocantes da concentración deste mércores volverán realizar unha nova manifestación o vindeiro venres 26 de xuño, despois da realizada o 29 de maio.

CONCENTRACIÓN DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA PONTEVEDRA

Para un día antes, o xoves 25, a Plataforma SOS tamén convocou unha concentración ás 20.30 horas ante o Hospital Provincial baixo o lema "Os recortes e as privatizacións matan". 

Neste acto, os convocantes queren reivindicar a sanidade pública e lembran que a crise sanitaria aínda non está superada. Desde a Plataforma SOS insisten en que o diñeiro público debe destinarse a fortalecer tanto a atención sanitaria como as residencias de maiores de xestión pública.