Os sindicatos ACAIP-UXT e CSIF, con representación no centro penal da Lama, denuncian falta de persoal sanitario nesta instalacións e que, por primeira vez en 25 anos de existencia do centro, deuse a circunstancia de que non foi posible manter un servizo médico presencial as 24 horas todos os días deste mes de xaneiro.
Segundo denuncian estes sindicatos, o centro chegou a estar algún día completo sen presenza médica.
Para os sindicatos, "a deterioración da atención médica e o aumento de risco de incidentes reximentais é patente por este feito".
ACAIP-UXT e CSIF denuncian a nivel estatal a falta de persoal médico nas prisións e a "incapacidade dos actuais xestores penais para resolver este problema". Sosteñen que o 62% das prazas de médico en IIPP que figuran a nivel estatal nas Relacións de Postos de Traballo están vacantes neste momento.
No centro penal da Lama seis das oito prazas de médico están vacantes na súa RPT e tamén a praza de subdirector médico vacantes.
Os sindicatos lembran que a atención médica é fundamental para o bo devir do día a día penal. A ausencia de facultativos menoscaba a saúde dos internos, crea inseguridade no centro así como malestar en internos e traballadores á vez que aumenta o risco de incidentes. Tamén consideran que se dan nos centros penais circunstancias que requiren dunha atención médica presencial e inmediata como poden ser agresións entre internos, lesións autolíticas ou intoxicacións por consumo de substancias medicamentosas ou prohibidas no centro.