Sindicatos municipais urxen unha solución ao Concello para resolver o conflito laboral con Policía Local e Bombeiros

Pontevedra
01 de setembro 2022

AFUMPO, CCOO, CIG, CSIF, SPPME e UGT denuncian o abandono da seguridade pública local, unha materia que consideran "imprescindible para a cidade". Reclaman ao goberno que lidera Fernández Lores que dedique tempo a negociar para chegar a acordos con estes dous colectivos que demandan máis persoal

Parque de Bombeiros de Pontevedra
Parque de Bombeiros de Pontevedra

Os sindicatos AFUMPO, CCOO, CIG, CSIF, SPPME e UGT emitiron un comunicado no que esixen unha solución definitiva e urxente ao goberno local de Pontevedra para resolver o conflito laboral aberto na Policía Local e nos Bombeiros.

Consideran que é "imprescindible" para garantir a seguridade da cidadanía que o goberno que lidera Miguel Anxo Fernández Lores se manteña sentado "o tempo que faga falta" para establecer acordos con estes dous colectivos. Manifestan as súas queixas polo "abandono" que padece a Policía Local debido á falta de persoal e á inexistente organización interna. Alegan que se está detectando nas rúas e, sobre todo, nas zonas rurais onde, afirman, ver a unha patrulla policial é un "espellismo".

Poñen como exemplo que no mes de marzo cedéronse as competencias de vixilancia, disciplina, regulación, xestión e control do tráfico e investigación de accidentes de circulación en Ponte Sampaio á Garda Civil de Tráfico, cando antes estes labores eran asumidas pola Policía Local de Pontevedra.

BOMBEIROS

Tamén en relación co corpo de Bombeiros insisten na demanda de hai anos de máis efectivos para atender á cidadanía de maneira eficaz e eficiente, sen renunciar á seguridade e protección do persoal do parque.

Aluden a que o estudo de prevención de riscos psicosociais que se elaborou pola Inspección de Traballo por requirimento xa indicaba que, como medida correctora, era necesario aumentar o número de efectivos e a participación do persoal na toma de decisións sobre as súas condicións de traballo, indican os sindicatos no comunicado emitido. Engaden que, pola contra, o goberno bipartito local decidiu baixar o número de dotación mínima de seis bombeiros a cinco para "tentar cadrar os números".

Expoñen que nos dous corpos é insuficiente o cadro de mandos e lembran que as dúas xefaturas atópanse cubertas de forma provisional por postos de inferior categoría. Un sarxento do grupo C1 realiza as funcións de Xefe, e a normativa recolle que o Xefe titular debe ser un funcionario do grupo A1, arquitecto ou enxeñeiro.

Os xefes de quenda son cabos, seis en total cunha vacante, número que consideran insuficiente xa que, en numerosas ocasións, os bombeiros teñen que realizar labores de xefes de quenda, asumindo unha responsabilidade non retribuída sen que recibiran a correspondente formación para exercer ese traballo.

A Xunta de Persoal acusa a Lores de aplicar fórmulas de "precariedade e abusos laborais, interinidade e clientelismo"

Actualmente, a dotación de bombeiros activos é de ao redor de 30 efectivos, segundo os propios sindicatos, cifra insuficiente se se ten en conta o número de horas extraordinarias que realizan nos últimos anos. Sinalan que a solución adoptada é a de contratar persoal interino sen pasar procesos de selección e sen preparación nin material mínimo necesario.

POLICÍA LOCAL

A Policía Local, pola súa banda, sofre unha situación aún máis grave, segundo estes sindicatos. Deixáronse vacantes dous postos de maior categoría profesional na policía grupo A1, que deben ser licenciados, ao nomear aos seus titulares directores xenerais, en referencia a Daniel Macenlle, responsable de seguridade cidadá, e a González Abal, director xeral de recursos humanos. A xefatura atópase, segundo denuncian, provisionalmente cuberta por un inspector principal do grupo A2. 

Indican que o resto do cadro de mandos é de "unha precariedade alarmante" xa que os axentes ven obrigados a exercer de oficiais de forma provisional porque os oficiais, á súa vez, asumen as compentencias de inspectores. 

O cadro de persoal é de 99 axentes, pero entre vacantes e "outros destinos" prestan servizo de uniforme na cidade unha cifra que non supera aos 80 axentes, dous deles destinados de maneira fixa, de luns a venres, a xestionar o multamóvil.

Ante esta situación, no comunicado que asina Yolanda González Cons, presidenta da Xunta de Persoal, afirman que estes dous corpos mostran o "modelo de seguridade pública que vén propoñendo o alcalde Lores desde hai anos" e acúsanlle de utilizar fórmulas de "precariedade e abusos laborais, interinidade e clientelismo para que os servizos de seguridade sexan unha extensión das políticas marcadas desde Michelena 30".

Lembran que desde fai máis dun ano as relacións entre os representantes sindicais e a concelleira de Persoal, Carme Fouces, atópanse rotas. Engaden tamén que as malas condicións e a "escravitude laboral" xa foron ratificadas por varias sentenzas xudiciais, actas da Inspección de Traballo e informes dos servizos de Prevención. 

Alertan de que segue sen aplicarse a valoración de postos de traballo e a actualización de retribucións acordada en maio de 2019 co concelleiro Vicente Legísima. Ante esta situación, piden diálogo e negociación, a falta de menos dun ano para as eleccións municipais, para lograr a paz social no Concello e Pontevedra.