Os sindicatos UXT, CCOO e USO convocaron para este venres 8 de novembro un paro laboral de dez minutos en todos os centros de traballo nacionais en solidariedade coas persoas afectadas pola dana que azoutou a provincia de Valencia durante o pasado 29 de outubro.
En Pontevedra, a concentración tivo lugar ao redor das 12:00 horas diante da casa consistorial, onde representantes das organizacións mostraron o seu apoio ás vítimas do desastre natural.
"Queremos dar resposta e apoio a todos os danados, a toda a clase traballadora e a todos os cidadáns e cidadás valencianos", indicou Ramón Vidal, secretario xeral de UXT en Pontevedra, Arousa e Deza.
Explicou que este paro se celebrou en "todos os centros de traballo e en todas as unidades operativas para acoller e dar apoio ás vítimas da dana".
Insisten en que as accións se teñen que executar "o máis rápido e efectivo posible para que contribúan a restrablecer a vida, a dignidade e que non haxa ningún despedimento motivado por esta circunstancia".
Así, fan un chamamento aos diferentes gobernos para que envíen "todo o apoio posible para afrontar esta situación que estamos a ver de desastre e desolación".
Pola súa banda, o delegado de persoal por Comisións Obreiras do Concello de Pontevedra, Héctor Sántalo, sinalou que neste tipo de situacións "os xestos importan" á vez que "este tipo de manifestacións de agarimo, apoio, respecto e tamén de ánimo".
Finalmente, reiterou a necesidade de que as administracións e os poderes públicos "adopten todas as medidas ao seu alcance para pór unha pronta solución a esta situación".