Sindicatos acusan os responsables sanitarios de "tentar boicotear" as súas protestas e liberdade de expresión

Pontevedra
12 de xuño 2020

Os sindicatos CESM Galicia, CO- BAS e PROSAGAP critican que o Servizo Galego de Saúde pediu sen éxito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que impedise as concentracións e veno un intento de "cernar dereitos fundamentais e de represión da actividade sindical"  

Concentración nas portas do Hospital Provincial
Concentración nas portas do Hospital Provincial / Mónica Patxot

Os sindicatos CESM Galicia, CO- BAS e PROSAGAP móstranse moi críticos coa postura adoptada pola Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés en relación coas concentracións de traballadores nos accesos dos hospitais Provincial e Montecelo. Acusan os responsables sanitarios de "tentar boicotear os dereitos sindicais e a liberdade de expresión dos traballadores".

Así, critican que o Servizo Galego de Saúde pediu sen éxito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra que impedise as concentracións argumentando que son lugares de tránsito e concentración de persoas e dificultan manter a distancia de seguridade recomendada polas autoridades sanitarias.

Para os representantes dos traballadores, é un intento de "cernar dereitos fundamentais e de represión da actividade sindical" por parte da Xerencia que non lle sorprende porque xa se puxeron de manifesto o día 27 de abril, cando remitiu un correo electrónico a todos os traballadores poñendo en dúbida a legalidade da concentración e solicitando da Subdelegación do Goberno a súa prohibición.

Ademais, sosteñen que o 4 de xuño tratou de boicotear outra vez as protestas e a concentración, dirixíndose á Subdelegación do Goberno de novo sen éxito, algo que consideran "incomprensible" porque a Consellería de Sanidade ten competencia para prohibir as concentracións en caso de non darse as circunstancias idóneas para a súa celebración.

Os sindicatos pregúntanse cal é o obxectivo da Xerencia ao acudir á Subdelegación do Goberno, e a única resposta que atopan é a de que "queiran tratar as protestas como problema de orde pública como na ditadura".

CESM Galicia, CO- BAS e PROSAGAP tamén acusan o equipo directivo encabezado polo xerente de "actuar ao máis claro estilo Joseph Goebbels", ao enviar a persoal da súa confianza para fotografar aos manifestantes para identificalos e detectar pequenos momentos de incumprimento das recomendacións que se puidesen dar no transcurso das mobilizacións.

Os representantes sindicais tamén rexeitan os incumprimentos que lles atribúe a Xerencia respecto a as medidas de seguridade e distanciamento nas súas concentracións e afirman que como profesionais da sanidade en todo momento cumpriron as recomendacións e acusan á Dirección de "mentir desvergonzadamente" tanto con eses "falsos incumprimentos" como co impedimento do acceso aos pacientes e visitas aos hospitais.