Sinalizarán o percorrido da Vía Mariana por Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
02 de decembro 2021

O alcalde reuniuse con Luís Freixo e José Antonio de la Riera, promotores da ruta, e comprometeuse a estudiar a creación dun albergue para 6 ou 8 peregrinos nun local municipal de Carballedo

Xuntanza para falar do percorrido da Vía Mariana por Cerdedo-Cotobade
Xuntanza para falar do percorrido da Vía Mariana por Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, promoveu unha xuntanza con Luís Freixo e José Antonio de la Riera, promotores da Vía Mariana, co fin de relanzar este proxecto ao seu paso por este municipio a través dunha serie de iniciativas de promoción así como de sinalización do traxecto en colaboración coas seis comunidades de montes polas que discurre a ruta.

Asemade, no transcurso da xuntanza o alcalde, Jorge Cubela, comprometeuse a estudiar a posibilidade de crear un albergue para 6 ou 8 peregrinos que podería ubicarse nun local de titularidade municipal na parroquia de Carballedo.

A intención de Jorge Cubela é potencar ao máximo a Vía Mariana en colaboración coas comunidades de montes e os hosteleiros do municipio coa intención de crear sinerxias que estimulen a presenza de visitantes atraídos pola beleza da ruta así como os atractivos gastronómicos que presenta o concello.

A sinalización fomentará indicacións para que os visitantes se acheguen ata o santuario de Augasantas, a Rectoral de Valongo, a igrexa de Loureiro, coñezan a Lenda da Florentina, a igrexa románica de Santa María de Sacos e todo un rosario de elementos etnográficos e arqueolóxicos que trufan a ruta por San Xurxo de Sacos ata o límite co veciño concello de Campo Lameiro, por onde continúa a Vía Mariana.

Tanto Jorge Cubela como Luís Freixo e José Antonio de la Riera coincidiron na necesidade de "impulsar a Vía Mariana como un destino espiritual e turístico propio do interior da provincia e que atesoura elementos arqueolóxicos, arquitectónicos, etnográfivos e relixiosos que supoñen un revulstivo desde o punto de vista turístico que hai que aproveitar e saber poñer en valor entre todos", indicou o alcalde.