Sinalan para setembro o inicio das obras na estrada provincial de Subida a Meloxo

O Salnés
06 de agosto 2024

O presidente da Deputación, Luis López, mantivo unha reunión de traballo co alcalde do Grove, Jose Antonio Cacabelos, na que analizaron asuntos de interese mutuo para ambas administracións

O alcalde do Grove e o presidente da Deputación de Pontevedra
O alcalde do Grove e o presidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pactou co alcalde do Grove, Jose Antonio Cacabelos, o avance do proxecto conxunto de intervención na estrada provincial EP-9103 de subida a Meloxo para mellorar a mobilidade peonil e de vehículos, así como a mellora do sistema de abastecemento de auga nesta zona. 

Nun encontro institucional que tivo lugar no despacho do presidente do Pazo provincial, ambos os dous mandatarios analizaron a situación do proxecto, que se atopa en fase avanzada por parte da Deputación e no que o Concello debe encargarse agora da cesión necesaria de terreos para executar a obra. 

"Seguimos dando pasos para asinar ese convenio que nos permita solucionar os problemas da Subida a Meloxo, para que a veciñanza dispoña de mellores servizos", afirmou Luis López despois do encontro.

A redacción do proxecto por parte da Deputación atópase xa finalizada. O seguinte paso será a posta a disposición dos terreos para poder levar a cabo a obra, unha tarefa que o Concello prevé poñer en marcha no vindeiro mes de setembro.

"Estou agradecido ao presidente e á deputada de Infraestruturas pola boa sintonía que temos as dúas administracións para sacar adiante este proxecto. Foi unha reunión moi positiva, agora tócalle ao Concello facer os deberes e presentar as cesións dos veciños", declarou o rexedor Cacabelos ao saír da reunión. 

"Esta reunión parte de conversas informais, onde se nos trasladou a importancia do arranxo da estrada de subida a Meloxo. Temos a vontade de colaboración e de facer cousas polo ben dos veciños do Grove e de toda a provincia", engadiu López, quen agradeceu tamén a visita do alcalde.

A cooperación entre o Concello do Grove e a Deputación non se limita unicamente ao proxecto de mellora da Subida a Meloxo, a través de Plan +Provincia o organismo provincial aprobou xa a achega de máis de 900.000 euros para diferentes proxectos como a humanización da rúa Entrehortas, a impermeabilización do depósito de auga potable de Borreiros ou o acondicionamento do pavillón de Conmeniño, que xunto co financiamento do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, supón un investimento total de máis de 300.000 euros. Ademais, a través do PON2030 levarase a cabo a construción dunha instalación polideportiva en Bizocas.