O equipo de coordinación para as eleccións autonómicas de Galicia desprazábase ata Marín para realizar unha demostración de como se vai desenvolver o proceso de votación o vindeiro 12 de xullo. Estes comicios están marcados pola pandemia do coronavirus e, aínda que xa rematou estado de excepción, as medidas de protección e seguridade para evitar contaxios mantéñense.
Para este "simulacro" escolleuse o colexio situado no CEIP da Laxe en Marín que, como indica Emilio de la Iglesia, o coordinador de prevención para as eleccións da Xunta, está xa "adaptado ás medidas preventivas e aos protocolos de cara ás eleccións".
As medidas comezan na propia entrada do colexio, onde o persoal de Protección Civil, ou outro tipo de representante da Administración aínda por determinar, encargarase de controlar o acceso de persoas ao interior para que non se rebase o número máximo permitido. Así mesmo, tamén velarán para que aqueles electores de maior idade ou con algún tipo de discapacidade poidan ter un acceso preferente.
Conforme vaian entrando, o persoal informaralles das medidas sanitarias que deben observar. O primeiro, desinfectar as mans co xel hidroalcólico que estará disposto á entrada e, de non levala posta, coller unha máscara das que estarán á súa disposición de balde xunto co xel.
A continuación, deberán seguir as frechas impresas no chan que lles marcarán o percorrido cara á zona de votacións. Tamén no chan haberá unhas indicacións para manter a distancia de seguridade entre cada persoa, así como as zonas de espera.
A primeira parada antes das votacións é a mesa onde están as papeletas dos diferentes partidos e os sobres para inserilas. A este mostrador achegaranse os votantes de un en un para, unha vez collido o seu voto, dirixirse á zona onde estará a mesa de votacións, á que deberemos encamiñarnos gardando de novo a distancia de seguridade.
No caso dos votantes que desexen facer uso das cabinas para escoller a papeleta dun xeito máis privado tamén poderán facelo. As cabinas estarán formadas por un dobre panel, un coas papeletas e o outro, a modo de peche, para que a elección que faga a persoa non poida ser vista desde fóra. Este sistema está deseñado "de xeito que se garanta o secreto do voto sen necesidade de manipular ningún elemento que poida ser tocado por máis votantes, por tanto, non existe cortina para que poidan entrar sen esa manipulación", lembra o coordinador de prevención.
"Na mesa onde están o presidente a máis os vogais do proceso electoral están garantidas as distancias de seguridade entre eles e, así mesmo, a zona que ocuparán os interventores e apoderados dos partidos", engade Emilio de la Iglesia. Todos eles portarán máscara protectora, ao igual que calquera persoa que acceda ao colexio. No momento de realizar a votación, a novidade é que o presidente da mesa non tocará o documento de identidade do votante "para minimizar os riscos de contaxio e o contacto de obxectos dos cidadáns cos membros da mesa", matiza de la Iglesia. O votante deberá colocalo nunha bandexa que o presidente achegará cara si para pronunciar o nome en alto e ensinarllo aos vogais para que comproben que, segundo o censo electoral, á persoa lle corresponde votar nesa mesa.
Trala comprobación, o elector introduce o sobre na urna e, a continuación, se lle facilita unha nova dose de xel desinfectante.
A saída do colexio electoral farase por unha porta diferente á de acceso e, de non poder darse esta solución, haberá unha sinalización axeitada para alternar as saídas e entradas dos votantes.
"Neste momento, todos os colexios electorais foron avaliados polos representantes da Administración que examinan as medidas de seguridade. Todos os colexios electorais, polo tanto, son seguros para o 12 de xullo, un total de 2405. Tan só houbo que facer cambios en pouco máis dun cinco por cento", declara o coordinador de prevención para as eleccións da Xunta. A semana antes das eleccións haberá unha nova revisión para comprobar, logo da instalación do mobiliario e da sinalización, que todos os locais cumpren coas garantías.
A demostración realizada este martes en Marín servirá como modelo para toda Galicia. A alcaldesa da vila, María Ramallo, achegábase a coñecer o traballo do equipo de prevención da Xunta e comentaba que precisamente, ao estar rematadas as clases, o colexio da Laxe era un bo lugar para poder facer as probas pertinentes de cara á cita electoral.