A tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz asegurou que "o sector turístico de Poio pechou o mes de xullo coas mellores cifras de ocupación rexistradas no último lustro".
Segundo os datos ofrecidos polo Concello de Poio, na segunda quincena acadouse unha porcentaxe de máis do 76%, o que supón o índice de pernoitas máis elevado desde o ano 2017, cando se superou o 80%.
Este incremento tradúcese en case nove puntos máis con respecto a 2021, cando a ocupación quedou fixada no 67%, e sensiblemente superior a 2020, ano no que non se cubriu o 50% das prazas de aloxamento que ofrecen os negocios do municipio.
Díaz explica que os datos que manexan os e as profesionais son "moi positivos". A tenente de alcalde lembra que "mesmo se superaron os rexistros correspondentes á segunda quincena de xullo de 2019, que foi un ano moi positivo para o sector, e que entón quedou nun 72%".
A responsable de Turismo lembra, asemade, que Poio dispón de preto de 3.700 prazas turísticas, das cales preto de 1.200 corresponden a establecementos hoteleiros e máis de 1.700 a vivendas para uso turístico. En total, a ocupación media durante todo o mes rozou o 65%.
"Mantívose a tendencia doutros anos, no que detectamos unha chegada progresiva de visitantes, especialmente a partir da segunda semana do mes", sinala Silvia Díaz, que tamén incide nas boas perspectivas que mantén o sector de cara ao que resta de verán.
"Estes niveis de ocupación demostran que Poio segue a ser un referente turístico e imos continuar traballando para consolidar o destino máis alá da tempada de verán, de xeito que poidamos atraer a visitantes de forma regular durante os doce meses do ano", finalizou Silvia Díaz.