Catro meses despois, os militares da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) que asumiron a última misión do Exército español en Afganistán están de regreso a casa coa encomenda case completa. 'Case' porque aínda non regresaron todos. Poderán colgar o cartel de "Misión Cumprida" o próximo mércores 25 de marzo, data prevista para o regreso do terceiro e último voo de soldados.
Faltan por regresar 115 dos preto de 300 que marcharon, pero na última semana xa teñen volto os restantes en dous voos distintos que aterraron no aeródromo militar de Lavacolla, en Santiago de Compostela. Deles, 90 tomaron terra este martes en medio de emotivos recibimentos que puideron presenciar os medios de comunicación. A pé de pista esperábanos mandos militares e familiares, cos que se fundiron en tenros e emotivos abrazos.
A emoción non era para menos, nin a dos familiares nin a dos mandos, que se mostra orgulloso do traballo realizado na denominada misión 'Resolute Support', asumida por un continxente creado sobre a base do Batallón Zamora, pertencente ao rexemento Isabel La Católica 29 con sede en Figueirido. Entre os que os esperaban á súa chegada estaba o xeneral da Brilat, o xeneral de Brigada Luis Cebrián Carbonell. Nada máis velos aterrar, achegouse ao avión para recibilos a pé de escada.
Pasaron os catro últimos meses en Herat e as misións que tiñan encomendadas e que, segundo os datos que puideron saber, cumpriron con todas as honras estaban relacionadas con dar seguridade á base de apoio avanzado e o aeroporto de Herat, así como o control dos accesos á base, a seguridade do perímetro e as patrullas correspondentes na zona exterior de seguridade da base. ÿ esta a última base que teñen as forzas da OTAN no mando rexional Oeste, onde as tropas españolas estiveron despregadas en distintos escenarios afgáns durante máis de dez anos.
A ASPFOR XXXVI (Afganistan Spanish Force) que está a punto de rematar é xa a sexta misión de efectivos da Brilat en Afganistán, de modo que poucos dos que estiveron despregados en zona eran novatos no traballo en zona de operacións. Esta experiencia deixouse notar a pé de pista, no regreso de quen parece xa estar afeito a este tipo de actos. Parece, simplemente pois catro meses afastados do ámbito máis próximo -os primeiros partiran o 25 de novembro- xeran xa en calquera a necesidade de fundirse nun emotivo abrazo e, quizais, dicir aquilo de: Feliz Ano Novo. Todos recibiron 2015 en Afganistán, de modo que aínda teñen pendente recibir o novo ano acompañados de familiares e amigos.
Coa misión afgá a punto de concluír, a Brilat tan só ten pendente unha conta: Mali. 110 soldados das bases da Brigada en Figueirido e Cabo Noval (Sieiro, Asturias) están despregados dende finais de 2014 e prevese que regresen ao longo do próximo mes.