O verán é cada vez máis longo a nivel turístico en Sanxenxo, e é que o mes de setembro non para de crecer nas súas cifras de ocupación e consumo.
Segundo o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) este ano a ocupación de Sanxenxo na primeira quincena de setembro situouse no 74%, unha cifra extrapolable ao resto do mes e que supón seis puntos máis que o mesmo período de 2017.
Este dato supón igualar ao rexistrado nun mes tipicamente vacacional como é o mes de xullo.
Desta forma o balance do verán péchase para o CETS cunha ocupación de xuño foi do 57% igualando a cifra do ano pasado. En xullo do 74%, lixeiramente peor que en 2017 que foi do 77%, mentres que en agosto o dato de ocupación foise ao 91%, igualando o mellor dato histórico.
O nivel que chegou a alcanzar Sanxenxo este verán reflíctese no dato de que en agosto se converteu no primeiro destino turístico do norte de España con 241.571 pernoitas, superando en máis de 31.000 pernoitas o segundo destino que foi Bilbao.
O municipio ten a rede turística e hostaleira máis importante do norte de España con capacidade para albergar a máis de 100.000 visitantes nos 167 hoteis, 6 casas rurais, 53 pensións, 10 cámpings, 1.151 apartamentos turísticos e 11.059 segundas residencias.