Setembro inaugurará a nova vida do Estaleiro de Purro como museo mariñeiro

Bueu
27 de agosto 2022

O acto de inauguración das obras de reforma e musealización deste espazo referente da cultura mariñeira, situado a carón da praia da Banda do Río, está previsto para o venres 2 de setembro coa presenza de Carmela Silva, presidenta da Deputación

Estaleiro de Purro, na Banda do Río
Estaleiro de Purro, na Banda do Río / Concello de Bueu

O vindeiro venres 2 de setembro, a partir das 20.00 horas, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, será a encargada de abrir as portas na inauguración da reforma e musealización do histórico Estaleiro de Purro, situado nas proximidades da praia da Banda do Río.

O Concello de Bueu, que dirixe Félix Juncal, mostra a súa satisfacción pola culminación deste proxecto que levou anos de complicacións administrativas e que, finalmente, se executou cos fondos achegados pola Deputación.

Este espazo é un referente para a actividade mariñeira da vila e atópase vencellado á historia marítima da ría ao tratarse da últíma carpintería de ribeira en activo, na que se construíron múltiples embarcacións e, coa súa particular imaxe nas últimas décadas, converteuse nun elemento integrado na paisaxe actual de Bueu, segundo indican desde o goberno local.

Os traballos de musealización complementan a rehabilitación finalizada en 2018, que permitiron a posta en valor desta edificación de alto valor patrimonial. O espazo máis importante do novo museo atópase vinculado á interpretación dos contidos da antiga carpintería de ribeira.

Juncal destaca a importancia da recuperación para divulgar a historia e as orixes de Bueu como vila mariñeira. 

No seu interior poderanse ver ferramentas de traballo de pesca e elementos da carpintería de ribeira. Diversificaranse, ademais, actividades relacionadas con distintos sectores da economía marítima, o turismo e a creación de emprego.