Unha forte sarabiada caída sobre as 14.30 horas deste mércores puido ser a causa dun accidente de tráfico múltiple sucedido na autoestrada AP-9 ao seu paso por Portas.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, o accidente consistiu nunha colisión múltiple na que se viron implicados sete vehículos, seis turismos e un furgón. Como resultado do impacto, unha persoa resultou ferida.
Rexistrouse sobre as 14.30 horas no quilómetro 114 da AP-9 en sentido Santiago-Pontevedra, no municipio de Portas
Ata o lugar do accidente desprazáronse, segundo o 112, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a agrupación de Tráfico da Garda Civil e efectivos de Protección Civil de Portas e Cuntis. Tamén se mobilizou o persoal do servizo da autoestrada e os Bombeiros do Salnés.
Os servizos sanitarios confirmaron o traslado dunha persoa ferida ao centro hospitalario de referencia.
Os axentes de Tráfico regularon a circulación na zona e os vehículos que circulaban pola AP-9 tiveron que facelo a velocidades moi reducidas pola ocupación da vía por parte dos vehículos accidentados e tamén pola presenza de saraiba.
A primeira persoa que deu a alerta ao 112 Galicia era un dos implicados e dicía que chocaran contra outro vehículo e que estaban interrompendo o tráfico. Durante a conversa indicou que outro vehículo tamén chocara contra eles.
Outro particular comunicou que unha persoa precisaba asistencia sanitaria, que eran varios vehículos os implicados e un dos coches estaba envorcado.
Os alertadores indicaban, ademais, que neses intres estaba sarabiando con moita forza, o que puido provocar o alcance entre varios vehículos.