Santa Clara volve a abrir as súas portas á cidadanía. Será esta fin de semana, os días 3 e 4 de decembro, coincidindo co primeiro aniversario da súa compra por parte do Concello.
O horario de apertura será de 10.00 a 17.30 horas, en horario continuado ambos os dous días. A entrada será de balde e sen inscrición.
Estas xornadas permitirán coñecer as sondaxes arqueolóxicas realizadas en boa parte da planta baixa do convento e no bosque. Así, farase un percorrido polos traballos arqueolóxicos guiado polos profesionais que traballaron neles.
A igrexa será o "centro de recepción de visitantes" onde se proxectará un vídeo duns tres minutos sobre os labores de escavación e os datos históricos dos que agora se dispoñen. sobre Santa Clara. Tamén se lles entregará un folleto cunha breve explicación da visita.
Os visitantes farán un percorrido previamente definido e pararanse en distintos puntos onde os agardarán os guías que irán explicando a historia de Santa Clara a través dun relato histórico.
Logo de acceder á igrexa, os visitantes entrarán pola porta de carros para dirixirse ata o edificio do século XVIII, á chamada sala das tullas onde se atoparon muros das antigas edificacións de Santa Clara. Trátase dun baixo non aberto ao público xa que estaba totalmente cheo de entullos.
Continuarán cara o lagar e a adega, para saír polo claustro onde poderán ver los enterramentos sen os ósos retirados para o seu estudo.
Sairán cara o exterior para ver as canalizacións e pavimentos atopados ao carón do antigo cemiterio e trasladaranse polo xardín ao antigo refectorio e a cociña coa lareira, onde se lles indicarán os costumes e a evolución daquelas dependencias.
Antes de saír, pasarán pola parte máis antiga da edificación, onde se lles explicarán as hipóteses que se barallan sobre a creación do convento.
Ao tratarse dunha xornada de portas abertas singular, xa que se disporá de guías informando dos principais fitos do convento, desde o Concello recomendan que as visitas se vaian presentando ao longo da xornada para evitar grandes esperas.
De todos os xeitos, a planificación prevista permitirá que arredor de 250 persoas estean simultaneamente nos distintos puntos do convento.