Sete días de loito oficial. Nunca antes decretárase tal cousa en Galicia. ÿ a mostra palpable da consternación que causou o accidente do tren de Santiago de Compostela, no que faleceron xa, segundo datos oficiais, 80 persoas. Así arrincaba o día posterior á traxedia, cun Consello da Xunta que, tras tomar esa decisión, Alberto Núñez Feijóo, recoñecía que fora o "máis duro da historia autonómica".
Visiblemente conmocionado, Núñez Feijóo indicou que "no Día de Galicia, todo o pobo choramos a traxedia que estamos vivindo, choramos as vítimas e choramos o desasosego das familias". Tras confesar que hai sentimentos que se poden describir "só con bágoas" e non con "palabras", o presidente da Xunta transmitiu o seu "pesar" ás persoas que "máis directamente están sufrindo esta traxedia".
O balance das vítimas provocadas polo sinistro do tren ocorrido en Santiago sitúase xa en 80 falecidos, entre eles a pontevedresa Laura de Juan Portela. Evacuáronse, segundo informou o Sergas, a 178 feridos. De todos eles, 87 permanecen ingresados en diversos hospitais de Galicia, a maioría no Clínico de Santiago, 29 están na Unidade de Críticos e outros catro na Unidade de Críticos de Pediatría ao ser menores de 15 anos.
Todos os feridos están identificados e acompañados dos seus familiares. As tarefas céntranse agora na identificación dos cadáveres. Esperábase que ás dez da noite, finalizasen estes traballos e se publicase a lista oficial de falecidos, pero ordenáronse probas máis exhaustivas para a correcta identificación dalgúns deles. En total, logrouse averiguar a identidade de 67 dos falecidos, cuxos corpos están xa a disposición das súas familias.
As escenas de dor e consternación foron constantes, tanto no edificio Cersia, habilitado para dar apoio psicolóxico e axuda aos familiares das vítimas, como no Multiusos Fontes do Sar, lugar no que está situado a morgue. O goteo de visitantes a ambos centros non se detivo en todo o día, persoas visiblemente afectadas, algunhas das cales queixáronse polo que entenden como lentitude do proceso de información sobre os seus achegados.
COBRA FORZA A HIPOTESE DO EXCESO DE VELOCIDADE
Mentres tanto, continúan as investigacións para aclarar os motivos do descarrilamento do tren. O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago tomará declaración como imputado ao maquinista do tren accidentado, quen onte, segundo fontes da investigación, recoñeceulle ao delegado do Goberno, Samuel Juárez, que no momento do accidente o tren ía a 190 quilómetros por hora, cando o límite ao que debía ir era de 80 quilómetros hora.
Ademais, o maxistrado ordenou á Policía custodiar as caixas negras, así como a recuperación de documentos e informes que permitan "dar continuación á instrución iniciada". Neste sentido, durante este xoves transcendeu tamén que o tren sinistrado pasara unha revisión técnica 24 horas antes, mentres que o sindicato de maquinistas di que non ocorrería se o sistema de seguridade ERTMS funcionase nese tramo
VISITA DOS REIS E DE MARIANO RAJOY
Ao longo do día, tanto o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, como as Súas Majxstades Don Juan Carlos e Doña Sofía, a ministra de Fomento, Ana Pastor, ou o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, trasladáronse a Santiago de Compostela para visitar a zona do accidente, situado no lugar de Angrois, comprobar o estado das vítimas hospitalizadas e dar a súa pésame aos familiares dos falecidos.
"Para un santiagués como yo, créanme que éste es el Día del Apóstol más triste de mi vida", confesou Rajoy, que naceu na capital galega. Ao tempo, mostrou a súa convicción de que este suceso "permanecerá mucho tiempo en las memorias de todos". Por iso, trasladou, no seu nome e no do Goberno de España, o "pesar" polo ocorrido aos familiares das vítimas, "que lamentablemente son demasiadas". "Quiero decirles que no van a estar solos", asegurou, para engadir que a "solidariedad" de todos os españois "les va a acompañar siempre".
Pola súa banda, as Súas Maxestades Don Juan Carlos e Doña Sofía chegaban ao Hospital Clínico Universitario sobre as 19.00 horas. Alí, o monarca aseguraba que "todos los españoles se unen al dolor de los familiares". Ademais, tras eloxiar a coordinación e a rápida reacción do persoal de urxencias e a colaboración de voluntarios e donantes, Don Juan Carlos subliñou o "espíritu de ciudadanía" que os compostelanos mostraron e desexou que os "heridos se recuperen pronto".
A VIA SEGUE CORTADA
Todo iso ocorría mentres ducias de efectivos, entre Bombeiros, técnicos de ADIF, operarios ou axentes de seguridade, continuaban cos labores de retirada dos vagóns do tren accidentado. Comezaron retirando os seis vagóns da metade traseira do ferrocarril que, aparentemente, estaban máis danados. Estes labores compaxináronse coa procura das vítimas mortais que puidesen non ter sido localizadas.
A media tarde e tras cambiar a localización dos dous guindastres que traballan no lugar, iniciouse a retirada dos restantes vagóns e a máquina do tren, que permanecen tendidos sobre un noiro. Pouco antes de que sobre as 20.40 cumpríranse 24 horas desde o accidente, a maquinaria retirou o sétimo vagón e o oitavo. Na vía permanecen aínda dúas vagóns e a máquina do tren que están sendo examinados e que probablemente haxa que despedazar para poder retiralos.