Poio resolverá os problemas que presentan actualmente a travesía de San Xoán e o camiño de Liñares. Será cunha actuación que pretende mellorar o estado do seu firme.
Son dous camiños de titularidade municipal que actualmente presentan un importante estado de deterioro nalgúns puntos, provocados tanto polo desgaste producido pola circulación de vehículos como pola erosión orixinada pola auga.
As actuacións inclúen rehabilitar o firme e a mellora do sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación da rede de pluviais en parte do tramo de actuación.
Así, preténdese reasfaltar o pavimento existente mediante o aporte dunha capa media de seis centímetros de mestura bituminosa en quente, gañando todo o espazo que se poida entre muros.
Para garantir o bo mantemento do firme e o seu uso, dotarase ao camiño dun tramo de tubaxe para recoller e evacuar as augas pluviais. Esta rede completarase coa execución de catro pozos de rexistro e a instalación de cinco tramos de canaleta.
Para estas actuacións, o Concello de Poio recibiu unha subvención da Axencia de Galega de Desenvolvemento Rural, con cargo ao plan de mellora de camiños municipais.
O importe asignado pola consellería ascende a 49.711,59 euros, mentres que o Concello de Poio aportará outros 10.439,02 euros.
O expediente de contratación, que conta cun prazo de 20 días naturais para que as empresas presenten as súas ofertas, xa foi aprobado.
Ademais, tamén a través de Medio Rural, tamén se vai realizar un estudo integral para coñecer o estado de toda a rede viaria municipal.