Sesenta familias de Sanxenxo poderán dispoñer da internet para recibir educación telemática

Sanxenxo
05 de maio 2020

O Concello repartirá durante esta semana e a través da Policía Local as unidades usb para a conexión a internet

Xuntanza telemática do Grupo de Traballo pola Calidade Educativa no Concello de Sanxenxo
Xuntanza telemática do Grupo de Traballo pola Calidade Educativa no Concello de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A última reunión por videoconferencia celebrada entre o Grupo de Traballo de Calidade Educativa do Concello de Sanxenxo evidenciou a necesidade de reforzar a axuda a familias que presentan dificultades para acceder á educación telemática por carecer de conexión a internet.

Neste grupo de traballo están integrados representantes do Concello sanxenxino, os colexios e institutos do municipio. Así, rexistráronse sesenta peticións para poder seguir a educación a distancia que se mantén desde a declaración do estado de alarma, correspondentes ao colexio de Magaláns, A Florida, Portonovo, Nantes, Cruceiro, Telleiro, Abrente, IES Sanxenxo e IES Vilalonga.

O Concello facilitará estas unidades de conexión da internet - con 20 GB de capacidade - nas vivendas das familias que o requiren e serán distribuídas ao longo desta semana por axentes da Policía Local. De igual forma, tres centros requiriron axuda para repartir material ao alumnado e será tamén Policía Local xunto ao Servizo de Emerxencias quen faga ditas entregas aos domicilios.

Estas iniciativas complementan outras iniciativas que xa levaron a cabo, como a repartición de máis de vinte ordenadores a escolares que non dispoñían deles en casa. O vindeiro xoves reunirase de novo o grupo de traballo para facer un seguimento das medidas que se van tomando e analizarán a posibilidade de facilitar clases de reforzo no mes de xullo e actividades para menores de seis anos nos propios centros educativos.