A terceira edición do programa de entrevistas con personaxes de diferentes eidos que se expresan no seu traballo e no cotiá en galego regresa ás rúas de Pontevedra. 'En3vistas' celebrarase desde o luns 18 de xullo ata o venres 22.
O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentaba 'En3vistas 2022' incidindo en que se trata dun ciclo de conversas entre "persoas que desenvolven a súa con normalidade en galego" e que son referentes nos seus diferentes eidos profesionais.
As conversas desenvolveranse en diferentes espazos ao aire libre, agás a última xornada que será no antigo convento de Santa Clara. A asistencia é libre e gratuíta.
Abrirá o programa o encontro entre dous artistas clave no panorama musical galego: a cantautora María Xosé Silvar 'Sés' e Baiuca. Será o luns 18 ás 20:00 horas no Campiño de Santa María.
O martes 19 de xullo ás 20:00 horas no cruzamento das rúas Peregrina e Daniel de la Sota será a quenda para a literatura con Ledicia Costas, unha das grandes escritoras galegas con vinte libros publicados e multipremiada, e as promotoras do proxecto editorial Apiario, ademais de escritoras, Antía Otero e Dores Tembrás.
O mércores 20 de xullo na Ponte do Burgo ás 20:00 horas falarase de "cultura feita coas mans" a través de Elena Ferro, empresaria coa marca Eferro que reinventou a fabricación e deseño dos zocos na terceira xeración dunha tradición familiar que arrincou en 1915, e Jordi 'Aí Falaches', que presentará a firma con este último nome e a súa experiencia como catalán que dende hai dez anos reside en Galicia e crea e se expresa en galego.
Os Xardíns de Marescot acollerán o xoves 21 ás 20:00 horas a conversa entre Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e un dos científicos galegos máis recoñecidos, e a escritora Loli Beloso, que fai labor de divulgación de persoeiros galegos menos coñecidos e que promove a Festa da Investigación que anualmente se celebra en Tomeza.
Pecharase o ciclo o venres 22 de xullo no antigo convento de Santa Clara ás 20:00 horas cunha aposta polo audiovisual en galego a través de tres activistas, especialmente nas redes sociais, por unha lingua inclusiva e unha sociedade para todes. Nee Barros, Eric Dopazo e María Rúa Rodríguez formarán parte deste encontro.
A xornalista de Onda Cero e co-fundadora do congreso 'As mulleres que opinan son perigosas' Susana Pedreira conducirá as cinco en3vistas, que se poderán seguir en directo a través da canle de Instagram do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra: @lingua_pontevedra. Posteriormente, as conversas serán colgadas na web snl.pontevedra.gal/en3vistas/, onde xa se poden visionar os vídeos das últimas edicións.