Servizos Sociais de Ponte Caldelas entrega xoguetes, roupa e calzado a 41 menores

Ponte Caldelas
07 de xaneiro 2015

Dende o Concello de Ponte Caldelas entregouse a un total de 21 familias con dificultades económicas os agasallos de Reis dentro dun programa que pretende evitar a exclusión social dos menores

Árbore de Nadal en Ponte Caldelas cos agasallos
Árbore de Nadal en Ponte Caldelas cos agasallos

21 familias do Concello de Ponte Caldelas recibiron xoguetes, roupa e calzado por parte dos Servizos Sociais do Concello para que 41 menores de idade contasen con regalos durante estas festas do Nadal. Esta iniciativa inclúese dentro dun programa que impulsa a administración local e que se desenvolveu con entrevistas de técnicas municipais, durante as últimas semanas, coas familias que ían recibir os lotes de regalo.

Desta forma, os escolares leváronse xogos educativos, puzles, maquetas para montar, así como pelotas para os máis pequenos, ademais de roupa de abrigo e calzado.

Os lotes de regalos foron reforzados con xoguetes de remanentes do anterior nadal e que permanecían nos almacéns do Concello. Este stock evitou que, nesta ocasión, se solicitase a colaboración dos veciños.

Os beneficiarios do programa se someten a un control a través do que as técnicas municipais de Servizos Sociais solicitan documentación, fan unha valoración e realizan un seguimento da situación das familias que forman parte deste programa cuxo obxectivo é evitar a exclusión social dos menores e manter a ilusión nestas datas.