O Concello de Cuntis quere establecerse como referente na orientación laboral tras rexistrar unha importante actividade durante o último ano, superando as 600 entrevistas personalizadas no Servizo de Orientación Laboral.
O servizo, financiado polo Ministerio de Traballo e a Consellería de Emprego, está a intensificar os seus esforzos para atender ás persoas desempregadas, especialmente ás afectadas polo peche de North Sails.
O alcalde Manuel Campos reuniuse esta semana co persoal técnico do departamento para deseñar un itinerario formativo específico para as traballadoras da empresa téxtil, unha vez que acudan ao servizo público de emprego.
O espazo, ubicado no Centro de Formación Ocupacional "A Ran", ofrece atención presencial de 8.00 a 15.00 horas e conta cunha liña telefónica (986 532 579) para consultas.
Entre os seus servizos destaca a elaboración de perfís ocupacionais individualizados, asesoramento para a elaboración do currículum e a prospección de empresas para facilitar a intermediación laboral.
A iniciativa municipal traballa en rede con diversos axentes sociais como a OMIX, a Aula Cemit, Servizos Sociais, ETTs e ONGs.
Ademais, ao ser Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, mantén unha estreita relación co tecido empresarial da comarca.
"Ter acceso a un salario é algo que nos dignifica e nos iguala a todos e todas. Nalgúns casos é necesario reciclarse e formarse para a demanda actual, pero sempre é un bo momento para aprender e adaptarse", destaca o alcalde Manuel Campos, quen anima ás persoas desempregadas a utilizar este servizo gratuíto.
