Sergio Portela deseñará o conxunto escultórico en recordo aos fusilados o 12 de novembro de 1936

Pontevedra
29 de setembro 2014

A Xunta de Goberno aprobou este luns adxudicar ao estudo de Sergio Portela por un importe de 60.000 euros esta peza que prevé inaugurarse o próximo 12 de novembro durante o acto cívico en recordo dos represaliados que se celebra na rúa que se dedica xa dende hai anos aos fusilados 

Monolito na rúa Doce de Novembro
Monolito na rúa Doce de Novembro

Sergio Portela Campos, fillo do famoso arquitecto César Portela, será o encargado de crear o novo conxunto escultórico que se situará na pasarela de José Adrio Barreiro, entre as rúas Doce de Novembro e Loureiro Crespo.

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns adxudicar ao estudo de Sergio Portela a escultura por un importe de 60.000 euros, segundo anunciou o voceiro do Goberno local, Raimundo González. Prevé poder inaugurarse o próximo 12 de novembro durante o acto cívico en recordo dos represaliados que se celebra na rúa que se dedica xa dende hai anos aos fusilados o 12 de novembro de 1936.

O conxunto busca perpetuar a memoria dos dez fusilados aquel 12 de novembro e, por extensión, servir de recordo a todos os represaliados.

En concreto, o monumento recordará as figuras do impresor Ramiro Paz Carvajal; o avogado José Adrio Barreiro; os médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana; os mestres Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rei Pavón; o xornalista Víctor Casas Rey e o capitán Juan Rico González.

A todos eles se lles dedicou unha rúa hai anos e na súa honra organízase, anualmente, un acto cívico nas inmediacións desta pasarela. Coas obras de reforma integral desta zona, houbo que retirar o muro perimetral e o monolito, que a xeito de monumento recordaba a memoria dos fusilados en 1936.